Volve o Cineclub Poleiro ao Auditorio de Goián con catro grandes propostas para os 1º xoves de mes A cinta escollida para abrir o ciclo é “La novia”, dirixida por Paula Ortiz, unha adaptación libre da obra Bodas de Sangre de Federico García Lorca

Despois do parénteses obrigado pola pandemia e as obras realizadas no auditorio de Goián, o cineclub Poleiro volve con enerxía renovada. O día 3 de marzo proxecta a primeira longametraxe deste ciclo “que quere facer un guino ao máis próximo, a todos aqueles profesionais e artistas que durante este tempo tiveron tantas dificultades para regalarnos a maxia desta sétima arte coa súa obra”.

Así, todos os primeiros xoves de cada mes, o auditorio volverá a acoller unha función do mellor cine.

A cinta escollida para abrir o ciclo é “La novia”, dirixida por Paula Ortiz; unha historia que dende o primeiro momento amosa a vontade de emocionar e deixar sen alento ao espectador. A película narra a vida de tres amigos inseparables desde a infancia. Con Álex García, Inma Cuesta, Asier Etxeandía, o guión é unha adaptación libre da obra Bodas de Sangre de Federico García Lorca, cun triángulo amoroso que sustenta a trama. Con numerosas nomeacións a distintos premios cinematográficos, conseguiu dous Goya e seis Premios Feroz.

Despois seguiranlle outras tres excelentes películas españolas de novos directores.

O xoves 7 de ABRIL: “La vida era Eso”, película dirixida por David Martín de los Santos. A cinta trata da relación entre dúas mulleres españolas de dúas xeracións distintas que emigraron a Bélxica e que coinciden nun hospital.

O xoves 5 de MAIO: “La hija”, dirixida por Manuel Martín Cuenca. Unha película que relata a historia de Irene, unha moza de 15 anos que vive nun centro de menores, queda embarazada e pode cambiar a súa vida coa axuda dun educador.

Por último, o xoves 2 de XUÑO, remata o ciclo con “El amor en su lugar”, de Rodrigo Cortés. Unha historia que transcorre no ano 1941, cando catrocentos mil xudeos de Polonia están confinados nun gueto polos nazis.

O bono de socio para todo o ciclo custa 10 euros, aplicándose un desconto de 5 euros se se dispón do bono anterior.

Máis información no número de teléfono 629 735 337.