15 Mai Xincana, teatro e música para fomentar o uso da lingua en Tomiño no Día das Letras Galegas O vindeiro 17 de maio o Concello organiza unha morea de actividades de 10 a 14 horas na Praza do Seixo
Tomiño conmemora o Día das Letras Galegas cunha morea de actividades o propio 17 de maio coas que poñer en valor o galego e fomentar o seu uso, especialmente entre a infancia e a mocidade. Por este motivo, o vindeiro mércores o Concello, en colaboración coa Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, organizará diferentes obradoiros, música, teatro e descontos nas librarías nas compras de libros en galego.
A Praza do Seixo acollerá de 10.00 a 14.00 horas seis talleres variados para todos os públicos organizados polo grupo de voluntariado da OMIX de Tomiño que conforman unha xincana coa que deberán conseguir selar todas as letras da palabra ‘Galego’ para recibir de balde unha chapa e unha camiseta co deseño gañador desta edición do concurso do Día das Letras Galegas, deseño elaborado polo tomiñés Andrés Álvarez e polo que foi agasallado cunha tablet.
A primeira actividade será ‘Galepalabra’, unha sorte de rosco co abecedario galego no que as persoas participantes deberán ir acertando as palabras ás que se refiren distintas definicións. En ‘Aprender galego con xogos ancestrais’ a través dunha aplicación do Observatorio do Patrimonio Lúdico o público aprenderá a lanzar buxainas, en ‘Rosalía ABC’ tratarase de chegar ao máximo de palabras en galego da a á z, mentres que en ‘Cantamos/Contamos’ hai que saber continuar coñecidas cancións de antes e de agora. A xincana rematará cos obradoiros ‘Adiviña quen’, no que cada persoa participante deberá descubrir que persoa coñecida galega se lle asignou, e ‘Creatividade’, co que inventar un poema en galego, compartir un refrán… nunha lona pendurada.
Xa ás 11.30 horas a mocidade tomiñesa participará na actividade ‘O enterro do galego’, unha representación interactiva na que o voluntariado se disfrazará dun idioma do mundo para asistir á morte da lingua galega por caer en desuso. Un espectáculo con final alegre, xa que nenos e nenas comezarán de novo a falar o galego e conseguen resucitalo. Ás 12.00 horas ademais a Agrupación Musical de Goián dará un concerto na Praza do Seixo.
Por outra banda, para fomentar a lectura en galego e en colaboración co comercio local, o concello e librarías de Tomiño ofrecerán un 40% de desconto en todos os libros que se merquen en lingua galega ese día.