
27 Xul Xoán Curiel pecha o ciclo Música e Románico en Tomiño O músico presenta este venres o seu último traballo, “Treides Comigo!”, xunto a outros catro artistas, na igrexa románica de Santa Mª de Tebra
O ciclo Música e Románico, organizado polo Concello por primeira vez dentro da Axenda Cultural de Verán, chega este venres ao seu remate, co concerto “Treides Comigo!”, do músico lugués Xoán Curiel.
A proposta deste venres, 29 de xullo, na igrexa románica de Santa Mª de Tebra (20.30h, para todos os públicos, entrada de balde) é un espectáculo de pop medieval cunha moi boa acollida de prensa e público, que non deixará indiferente a ninguén. Unha fusión do antigo e do contemporáneo, unha forma orixinal, didáctica e diferente de presentar as cantigas da lírica medieval galego portuguesa, relacionadas co Camiño de Santiago.
O disco ten un gran valor engadido polas achegas dos artistas que aparecen con Curiel sobre o escenario: Iris Gey (voz), Carlos Feire (percusión), Bleuenn Le Friec (arpa) e Álex Salgueiro (frautas).
Nado en Fonsagrada, Xoán Curiel, músico, cantante, letrista e actor, fórmase en teatro, teatro musical e outras disciplinas escénicas en Santiago, Barcelona e Madrid, mentres vai desenvolvendo a súa carreira como compositor.
Durante sete anos traballa en diferentes compañías teatrais como actor, cantante, músico e bailarín, ata que grava o seu primeiro disco Nai no ano 2009; un disco que dará como resultado as súas primeiras xiras que o levarían polo estranxeiro (Brasil, Portugal, Arxentina, Italia ou Francia entre outros).
Ao longo destes anos, Xoán participa en diferentes espectáculos e festivais principalmente ligados á lusofonía e á música de autor. E as súas cancións téñense traducido e cantado en castelán, portugués, alemán e inglés.
Igrexa de Santa María de Tebra.
As primeiras mencións documentais desta igrexa datan do século XIII. Trátase dunha igrexa dunha soa nave e unha ábsida de cinco lados.
A singular ábsida, coa súa colección de canecillos e semicircular no interior (coa riqueza dos seus capiteis e o magnífico sepulcro renacentista), é case a única parte románica que se conserva desde a súa construción, a mediados do século XII. Orixinalmente a igrexa tiña unha soa nave e posteriormente engadíronse as capelas laterais e a sancristía, así como a fachada principal e a torre.
Por outra banda, se trata dunha construción onde se fai moi patente o influxo da catedral tudense polo seu programa iconográfico, que podería estar destinado ás clases populares, non a un público monacal ou especializado.