O investigador, historiador e arqueólogo Xoán Martínez Tamuxe

Xoán Martínez Tamuxe: “Aínda hai moitas cousas por descubrir, en Currás hai para largo” No 50 aniversario do descubrimento do xacemento arqueolóxico desta parroquia tomiñesa, o Concello homenaxea a este historiador que liderou as primeiras escavacións na zona xunto a Jesús Gómez Sobrino e Aquilino González

Dende 2013 o Concello puxo en marcha numerosas iniciativas e actividades para poñer en valor o xacemento descuberto en Currás

“Sabiamos que eran unhas parroquias de gran riqueza arqueolóxica, pero non nos dimos conta de canto ata que apareceron as primeiras mostras de cerámica nunha finca na que uns veciños estaban cortando pinos”. Así lembra Xoán Martínez Tamuxe aquel ano 1972, cando se deron os primeiros pasos que permitiron sacar á luz o xacemento tardorromano de Currás e comezaron unhas escavacións lideradas polo mítico Equipo Arqueolóxico do Baixo Miño integrado polo propio Martínez Tamuxe xunto a Jesús Gómez Sobrino e Aquilino González Santiso.

Agora, no 50 aniversario do descubrimento deste xacemento o Concello renderá este sábado 19 homenaxe a este historiador, arqueólogo e investigador. “Para min supón unha ilusión moi grande, porque aos meus 92 anos é un verdadeiro agasallo. E é extensivo aos meus dous compañeiros, porque non chegaría ata onde cheguei se non me acompañara un equipo que resultaba tan interesante”, salienta Martínez Tamuxe. Lembra con orgullo os primeiros achados en Currás e todo o traballo que houbo detrás continuar escavando e ir descubrindo pouco a pouco novos indicios, recompilando información e conseguir que os restos quedarán preto da propia parroquia.

Unha riqueza histórica que sabían que era propia da comarca, polo que dende o principio “sempre invitamos ás demais parroquias a que tiveran os ollos abertos e lle deran importancia a todo o material arqueolóxico que puidera aparecer”. “As escavacións son algo que se fan a moi longo prazo, cuestión de anos, e en Currás hai para largo, aínda quedan moitas cousas por descubrir”, recalca.

O Concello de Tomiño quixo recoller ese facho de luz que prenderon Tamuxe, Sobrino e Santiso e poñer en valor este xacemento. Para iso, dende 2013 promove en colaboración coa Universidade de Vigo investigacións, exposicións, conferencias, visitas guiadas, un programa de voluntariado, vídeos documentais e publicacións, a creación dunha páxina web e mesmo a catalogación do atopado e novas escavacións arqueolóxicas con toda a moderna tecnoloxía para coñecer mellor o pasado. “Para nós é de vital importancia conservar a nosa historia e dedicar esforzos a recuperala. No caso de Currás temos que agradecer aos investigadores e investigadoras todo o saber que puxeron á nosa disposición para desentrañar a historia do noso pasado, pero tamén a toda a parroquia por terse involucrado, ser xenerosos e xenerosas e ter visión para implicarse na súa valorización”, destaca a alcaldesa, Sandra González.

A homenaxe a Xoán Martínez Tamuxe realizarase durante a ‘I Xornada de arqueoloxía no Baixo Miño: un patrimonio por descubrir’, un encontro formativo organizado polo Concello e coordinado pola Universidade de Vigo e a Universidad Autónoma de Madrid que se celebrará este sábado 19 de novembro no salón de plenos do Concello e que reunirá durante todo o día a 15 expertas e expertos que afondará no valor arqueolóxico, paisaxístico e patrimonial do municipio e da comarca.

A xornada arrancará ás 10.15 con esta homenaxe a un home apaixonado da historia e da súa terra. Nado en 1930, tras cursar estudos eclesiásticos e Historia na Universidade de Santiago de Compostela, traballou como secretario da Cámara Agraria do Rosal e foi encargado do Conxunto Histórico de Santa Trega e Conservador do Museo Arqueolóxico na Guarda. Premio Literario I Certame Xornalístico da Cidde de Tui en 1973, foi correspondente e colaborador de varias radios e xornais na comarca, así como de revistas de calado histórico e cultural.

En 1996 a Agrupación Cultural Guardesa dedicoulle o Día das Letras Galegas en homenaxe á súa traxectoria histórico e literaria no Baixo Miño. Profesor e cofundador do Equipo Arqueolóxico do baixo Miño en 1968, Tamuxe forma tamén parte do Instituto Padre Sarmiento de Compostela e do Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén de Pontevedra, entre outros. Con numerosos galardóns ás súas costas, entre as súas últimas publicacións figura ‘Cruceiros, cruces e almiñas do Baixo Miño II. Concello de Oia’ (2018) e ‘A Sociedade Liga de Amigos do Rosal. Cen anos de historia’. Na actualidade está escribindo un libro de investigación sobre a centenaria Banda Unión Musical de Mougás xunto co seu fillo, o tamén investigador Juan Ramón Martínez Barbosa, que sairá publicado a principios de 2023.