Xuventude 3.0. Outra ollada- convértese nun espazo de diálogo e debate sobre políticas efectivas para a mocidade. Alí estivo entre as poñentes a concelleira Fátima Rodríguez.

Fátima Rodríguez. Xuventude 3.0
A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, participou esta mañá na apertura da xornada “Xuventude 3.0. Outra ollada”, organizada pola institución provincial para dar a coñecer as novas políticas provinciais en materia de xuventude, pero sobre todo “para escoitar a todos os colectivos que traballan cos mozos e mozas e que saben mellor que ninguén as súas necesidades, gustos e demandas”. No acto tamén estiveron a Deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas; a deputada de Xuventude da Deputación de Xaén, María Ángeles Leiva; e a concelleira de Turismo, Patrimonio e Mocidade de Tomiño, Fátima Rodríguez.

Dende a Deputación provincial concibiuse esta xornada de traballo coma un foro de debate para intercambiar iniciativas, proxectos e experiencias sobre políticas activas coa xente moza. “Hoxe presentamos aquí todo o que estamos facendo dende o noso Goberno de cara á mocidade, pero sobre todo hoxe temos que abrir un espazo de debate entre as distintas administracións, entidades e colectivos sobre que medidas e políticas precisan os nosos mozos e mozas”, manifestou a Presidenta.

Para destacar a importancia que dende a nova Deputación se lle dá aos mozos e mozas, a Presidenta lembrou que se creou unha área específica para a xuventude, a área de Cohesión Social e Xuventude, pero resaltou que non só se trata dun departamento estanco, senón que “traballamos coa mocidade de xeito transversal entre todos os departamentos. As políticas para os máis novos están inxeridas en todas as nosas actuacións e non só nunha área estanca”.

Entre as políticas que se están levando a cabo, a Presidenta provincial fixo fincapé na aposta da Deputación polo emprego e a formación xuvenís, permitindo que mozos e mozas teñan espazos para poder adquirir experiencia profesional. Aquí se enmarcan os Plans de Práctica Laboral en Deputación e Concellos e tamén en Empresas, así como as bolsas de prácticas en empresas europeas a través do “Practicum Depo Erasmus+” ou as axudas complementarias para os bolseiros e bolseiras Erasmus da Universidade de Vigo.

A Deputada de Cohesión Social e Xuventude tamén reiterou a importancia desta xornada como espazo de debate e de escoita entre todos os colectivos implicados coa xente moza, “dende a nosa chegada á Deputación mantemos sempre un diálogo aberto e recíproco con concellos, oficinas de información xuvenil e entidades e asociacións xuvenís. Ese é o noso obxectivo, entre todos e todas lograr as políticas máis efectivas para a xuventude”.

Digna Rivas fixo un repaso polos principais programas e iniciativas que se están desenvolvendo dende a Deputación provincial. Ademais das medidas para o fomento do emprego resaltadas pola Presidenta, lembrou que tamén se traballa en todos os ámbitos do seu interese, dende o lecer ou o deporte ata a cultura ou a formación. Rivas destacou o pioneiro programa “Depo Ruarte”, xa en marcha co primordial obxectivo de lograr que calquera mozo ou moza de calquera concello da provincia poida ter acceso a actividades de lecer innovadoras e modernas acordes coas novas demandas da mocidade.

Resaltou tamén o éxito que están tendo os cursos de inglés que comezaron esta mesma semana a desenvolverse ou o novo pulo que se lle deu aos campamentos “Depo Aventura A Lanzada” e aos Polideportivos Príncipe Felipe. “Temos que destacar que dende que chegamos á Deputación sempre lle damos unha volta a todo dende a súa vertente máis social, e por iso este ano por exemplo, temos en Depo Aventura máis de 200 prazas para nenos e nenas en situación ou en risco de exclusión social, e iso si que é facer política para as persoas”, salientou.

Tras o acto de apertura de “Xuventude 3.0. Outra ollada”, a xornada continuou desenvolvéndose como foro de debate e diálogo. Na mesa redonda “Políticas efectivas de Xuventude” tiveron a palabra distintas administracións que levan a cabo políticas activas para os máis novos, querendo simbolizalo nun concello grande como Vigo e noutro máis pequeno coma Tomiño, ademais da Deputación de Xaén que ten dende fai tempo iniciativas efectivas cos máis novos. Na mesa redonda “Xuventude 3.0. Programas e proxectos” escoitáronse diferentes sectores da sociedade civil que se moven con éxito no ámbito da xente moza, como Agareso (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) ou o Festival Revenidas.

Deputación de Pontevedra

10/06/2016

Fuente: Deputación de Pontevedra