14 Xul 2016 A Praza do Seixo centra a actividade cultural de verán en Tomiño

Cine, baile folclórico, música de bandas, percusión e rock, mesturaranse cun gran concerto de Roi Casal no “Son da Praza”

A Concellaría de Cultura do Concello de Tomiño, que dirixe Cristina Martínez, organiza coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Programación Cultural Verán 2016 “O Son da Praza”.

O programa, que terá como eixo vertebrador a reformada Praza do Seixo, comeza o vindeiro venres 22 de xullo, coa proxección da película “Hotel Transilvania 2”, a partir das 22.00 horas.

O sábado 23, será o XXIII Festival Folclórico Encontro dos Pobos, con grupos de Mallorca, Escocia e Galicia.

O venres 29 de xullo, cine outra vez, con “Río 2”, tamén a partir das dez da noite, pero na Praza da Mina.

A película “Belle e Sebastian”, será a encargada de abrir o mes de agosto, o venres 5, á mesma hora.

O sábado 6, espectáculo “A lingua na boca”, con letras e pensamentos de Castelao.

Domingo 7, percusión electrónica e artes visuais de Robertoliveira, sempre ás 22.00 horas.

O venres 12 volta o cine co “A ovella Shaun”, esta vez na Praza da Mina, ás 22.00 horas.

O seguinte venres, 19 de agosto, gran concerto da banda galega de rock and roll “Rockin ‘Gina & The Sentinels”. No Seixo ás 22.00 horas.

O venres 26, a Agrupación Musical de Goián, ofrecerá en concerto “Unha noite de amor con Lela”, tamén no Seixo, ás dez.

E para rematar a programación estival, o sábado 27 de agosto, concerto do músico galego Roi Casal “Son galego, son cubano”. Praza do Seixo, 22.00 horas.



X