Durante anos, a maleza ocultou un dos enclaves fortificados mellor conservados da fronteira húmida. A Asociación Eliseo Alonso de Goián e os veciños e veciñas da parroquia, abriron á luz a Fortaleza de San Lourenzo. O Concello de Tomiño, avanzando na posta en valor deste Ben de Interese Cutural, recuperou para uso público parte da contorna.
No verán de 2012 abriuse o “Espazo Fortaleza” ao público. Un espazo diferente, deseñado polo arquitecto Pablo Gallego Picard, e que foi distinguido con importantes premios de arquitectura, urbanismo e paisaxe.
Desde a súa apertura, foron moitos os veciños e veciñas que visitaron o lugar, procedentes do propio municipio, pero tamén da comarca e doutros puntos de Galicia.