O Baixo Miño, no que se atopa o noso Concello, acolle un dos ecosistemas máis ricos e variados de Galicia, que ademais posúe algúns endemismos de flora e fauna que o converten nun espazo medioambiental único.
O Baixo Miño, no que se atopa o noso Concello, acolle un dos ecosistemas máis ricos e variados de Galicia, que ademais posúe algúns endemismos de flora e fauna que o converten nun espazo medioambiental único.
Dende o ano 2004 está integrado dentro da rede de espazos naturais protexidos da Unión Europea, Rede Natura 2000, como Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais. Ademais, o esteiro do Miño está baixo o amparo da catalogación de ZEPA, Zona Especial Protección para as Aves.
Unha das características que marca este territorio é o discorrer do último treito do río Miño, que de forma queda salva unha escasa pendente para desembocar no mar, formando un amplo e fermoso estuario, refuxio de numerosas especies de aves, e cunha rica biodiversidade característica destes espazos onde se mestura o mar e o río. Trátase dun espazo transfronteirizo, compartido con Portugal, no que se desenvolven accións coordinadas polo Grupo de Traballo Galicia – Norte de Portugal.
A outra grande unidade paisaxística de relevancia son as elevacións naturais que circundan o Concello, as serras de Argallo e da Groba, así como a prolongación da serra do Galiñeiro. Son enclaves de alto valor paisaxístico, tanto polos seus valores medioambientais como polos excelentes miradoiros que acollen, e dende os que se domina unha ampla panorámica de todo o territorio.
Toda a rede hidrográfica do Concello está dominada polo río Miño, que se converte nun elemento que lle confire personalidade e particularidade xeográfica, actuando de límite natural con Portugal.
O río discorre lento neste tramo, depositando materiais aluviais no seu percorrido e formando numerosas illas e illotes, bancos de area, marismas… e formando un amplo val ata a súa desembocadura. Algunhas destas illas fluviais quedan asolagadas no inverno, polo efecto das enchentes do río ou das mareas vivas, cando o mar penetra río arriba. Os efectos das mareas no río déixanse sentir ata a altura de Tui. Presentan unha frondosa vexetación, configurada por árbores de bosque autóctono de ribeira, e son un auténtico refuxio para a fauna, como a illa Vacariza, nos límites do noso Concello, e perfectamente visible dende a ponte Internacional da Amizade, que une Goián con Vilanova de Cerveira.
Outras atópanse colonizadas de xuncais e vexetación de matogueira e aprovéitanse nalgúns casos para pastoreo de gando en semiliberdade.
En xeral, toda a zona das marxes do propio río constitúe unha área de grande interese medioambiental e paisaxístico, cunha das mellores representacións de vexetación autóctona, que ten o seu máximo expoñente nos bosques de ribeira, e cunha elevada diversidade faunística. Estas ribeiras interveñen na regulación do balance hídrico xeral, exercendo un efecto de protección contra a erosión e as crecidas do río
Nelas tamén se forman de xeito natural, pola propia sedimentación que arrastra o río, praias fluviais que confiren un valor engadido a esta paisaxe. Algunhas das que se atopan nos límites do Concello están acondicionadas para o baño, coma a de Goián, que conta ademais cun amplo espazo de recreo, ou a de Carregal. Outras son máis empregadas polos pescadores, coma a de Forcadela.
Toda a marxe do río xunto co estuario que forma na súa desembocadura constitúen un excepcional refuxio para numerosas especies animais, principalmente de aves. Aquí atopamos numerosos peixes continentais autóctonos e varias especies ameazadas e endémicas, coma a lamprea, o salmón, que atopa aquí o seu límite meridional de distribución en Europa, a forma migratoria da troita ou a anguía.
O Baixo Miño conforma unha zona de especial importancia para a fauna herpetolóxica (anfibios e réptiles), con varias especies endémicas e outras ameazadas ou de área de distribución moi reducida en Galicia. Destaca a presenza do sapo de esporóns, as tres especies de tritóns propias de Galicia e a tartaruga leprosa, que probablemente mantén aquí a súa única poboación en Galicia.
Así mesmo, o estuario é un enclave importante para as aves acuáticas, que teñen aquí numerosos núcleos invernantes, como o corvo mariño grande, variadas poboacións de aves limícolas ou a aguia pescadora.
Os ríos e numerosos regatos que verten as súas augas no Miño marcan a paisaxe de Tomiño e conforman os distintos vales perpendiculares ao río principal. En xeral, nacen nas zonas altas da serra de Argallo e da Groba e contribúen, por un lado, a conformar fermosos humedais nas zonas altas onde nacen e, por outro lado, a salpicar o territorio con abondosa vexetación de ribeira e ofrecermos unha riqueza piscícola que non é doado atopar noutros ríos.
Os principais afluentes que percorren o Concello son o río Furnia, Cereixo da Briña e o Tollo. A eles súmanse un gran número de regatos, que, segundo a época do ano, poden chegar a levar bastante caudal.
Pero o río máis emblemático do Concello é o río Cereixo, que nace no alto da serra da Groba e percorre todo o Concello de Tomiño ata desembocar no Miño. As súas marxes atópanse colonizadas por amieiros, salgueiros, loureiros e demais especies propias de ribeira, e as súas augas cristalinas serpentean a carón de leiras e prados. Numerosos mamíferos nocturnos aproveitan o curso do río para a procura de alimento.
O río ten construídas ao longo do seu curso diversas pequenas presas, que noutro tempo serviron para desviar parte das augas a vellos muíños hidráulicos a través das canles construídas a tal efecto. Un bo expoñente disto atopámolo no barrio da Pedra, onde a unión do Cereixo con outro pequeno regato foi aproveitada para a construción dunha pequena presa con canles de auga que van ata diversos muíños fariñeiros, hoxe en desuso. No lugar atopamos unha extensa área recreativa, con tupidas árbores que ofrecen, especialmente durante o estío, un acolledor refuxio para o visitante.
Esta formación montañosa domina todo o val de Tomiño e delimita as súas marxes cos concellos do Rosal e Oia. É un espazo natural con terreos de propiedade comunal na súa maioría e destaca especialmente o seu valor paisaxístico e as súas vistas, que dominan un amplo territorio do Baixo Miño. Un dos principais enclaves paisaxísticos é o Niño do Corvo, a 313 m de altitude, cunha fermosa panorámica a dúas bandas; por un lado, a extensa chaira tomiñesa e a desembocadura do Miño e, por outro lado, o val do Rosal.
A cota máxima está no Alto da Calzada, con 625 m de altitude, e nas Teixuqueiras, con 631 m. O monte Lousado, con 613 m de altitude, e o alto da Pedrada, con 519 m, serían as dúas seguintes cotas máis altas.
Outro punto de interese atopámolo en Vilachán, cunha extensa superficie de cultivo de vide e un miradoiro acondicionado dende o alto dos viñedos.
Esta serra abarca un amplo territorio, abranguendo os concellos costeiros de Oia e Baiona, así como os de Tomiño e Gondomar. A ela pertence Pinzás, parroquia tomiñesa que constitúe unha ampla chaira húmida combinada con pasteiros.
É un dos brañais máis interesantes que posúe a comarca do Baixo Miño, no que atopamos todas as especies de anfibios presentes na comarca e a maior parte dos réptiles. Isto danos unha idea da importancia ecolóxica desta zona, xa que a presenza destes animais, sumamente sensibles ás alteracións dos ecosistemas, é un índice da boa saúde do medio.
Nesta chaira atopamos numerosos regatos que, de forma natural, contribúen a baleirar a acumulación de auga que se produce. Estes regatos discorren con pouca profundidade, humedecendo as terras anexas e permitindo así o desenvolvemento de numerosas especies naturais e vexetais ligadas á auga.
O brañal permanece encharcado case todo o ano e por el discorren os regatos que dan orixe ao río Cereixo.
Así mesmo, a chaira é empregada como pasteiro de numerosas cabezas de gando. Cabalos, ovellas e vacas pastan todo o ano en réxime de semiliberdade, ofrecendo unha curiosa estampa.