¿Que é?
O itinerario, cunha distancia total de 2,1 km e unha pendente media do 9%, comeza nun miradoiro situado na parte baixa do monte, pasa polos dous petróglifos principais da zona e remata noutro miradoiro, situado no alto do monte.
A ruta complétase cunha área de lecer, con mesas e bancos para facer unha parada no camiño.
¿Como Chegar?
Dende Tomiño tomamos a estrada PO-351, que conduce a Gondomar. Ao chegar ao alto de Couso, tomaremos un desvío á man dereita seguindo as indicacións dos carteis. A estrada que conduce ao Ecoparque remata nun aparcadoiro onde se atopa a caseta forestal e a partir do cal comezará a nosa ruta a pé.
A ter en conta
As mellores horas de visibilidade para observar os petróglifos son á primeira da mañá e á última hora da tarde, é dicir, cando o sol non incide directamente nas rochas.
¿Que é?
Trátase dunha rota de 1,5 km de interese paisaxístico e natural. Unhas formacións rochosas de gran sigularidade xeolóxica, situadas na parroquia de Figueiró, son o principal polo de atracción desta rota, xunto coas vistas panorámicas que se acadan dende o punto máis elevado.
A zona forma parte da banda xistosa de Monteferro – O Rosal, pertencente ao macizo Ibérico. Xeoloxicamente, caracterízase pola presenza dunha estreita banda de rochas metosedimentarias orientadas en dirección norte-sur, cunha anchura de 1,5 a 4 km. No interior desta banda xistosa existen varios corpos graníticos de menor entidade e un abundante número de diques granítico, pegmalítico e aplítico de dimensións variadas.
A cota máxima de altitude é de 204 m e ofrécenos, por unha banda, unhas impresionantes formacións rochosas furadas pola acción da erosión e, por outra banda, un miradoiro de ampla panorámica.
¿Como Chegar?
Dende a estrada PO-552 collemos o desvío cara a Figueiró e nas inmediacións da praza principal, onde se atopa o santuario de san Campio, comezan as indicacións da senda peonil, que parte dunha estrada asfaltada que percorre o lugar chamado Muíños. Continuamos ata o remate da estrada asfaltada, onde se atopa unha área de lecer, e alí comeza o percorrido da senda natural.
A ter en conta
Aínda que nos paneis informativos do punto de saída a ruta se define como de dificultade baixa, cómpre ter en conta que o sendeiro discorre por terreo accidentado e de bastante pendente.
¿Que é?
Esta nova aula aberta da natureza (posta en marcha pola Concellaría de Medio Ambiente nos primeiros meses do 2010) está pensada especialmente como zona de lecer a autoaprendizaxe e consiste na instalación de varios paneis de diferente tamaño que informan da biodiversidade e características da flora desta zona húmida; unha zona medioambientalmente protexida, na que se pode atopar un bosque de amieiros, máis de 20 especies distintas de árbores e arbustos e 60 especies de pequenas plantas e fentos.
¿Como Chegar?
Dende a estrada PO-552 collemos o desvío xunto o cemiterio de Amorín pasando o cartel indicador (Aula Aberta da Natureza Río Furnia) e seguimos polo camiño de terra, deixando a dereita o campo de fútbol, ata a beira do río. Veremos sobre a esquerda, os primeiros paneis explicativos da ruta. Aquí comeza o percorrido da senda natural.
Trátase dunha ruta de 1,6 km de interese paisaxístico e natural, cunha duración estimada dunha hora. En época de chuvia recoméndase levar calzado axeitado.
¿Que é?
Tomiño e O Rosal están xa conectados por unha senda que une a praia de Goián (Tomiño) coa de Eiras (O Rosal). Con este proxecto, o Concello de Tomiño deu continuidade á apertura do municipio ao río Miño, cuxo primeiro paso foi a “Recuperación ambiental do en torno da Fortaleza de San Lourenzo e da Praia de Goián”.
As obras da senda, que contaron cun investimento de máis de 76.000 euros, foron financiadas nun 88% por Agader, e a parte restante, polo propio Concello.
¿Dónde?
Goián-Eiras