A proliferación da creación de novos centros educativos en Galicia no primeiro terzo do século XX está vinculada ao fenómeno da emigración a América, que dende mediados do século XIX se incrementara cuantitativamente. Tomiño non foi alleo a esta corrente e viuse beneficiado pola construción de seis escolas, aínda que actualmente só se conservan cinco: Escola Aurora del Porvenir, Escola de Cristelos, Escola Hispano- Americana Goianesa, Escola da Fundación Peirópolis e Escola de Taborda-Piñeiro. Convértese así, tras os concellos de A Estrada, Lalín e Vigo, no cuarto que máis institucións de ensinanza de orixe indiana conserva da provincia de Pontevedra.
Os emigrantes retornados, a través das asociacións das que formaban parte, lograron crear escolas en inmobles deseñados e levantados con este fin; contrataron a mestres segundo méritos e apostaron por uns programas académicos progresistas e laicos.
Estreitamente vinculados ao movemento do agrarismo, estes centros educativos ademais de impartir materias como aritmética ou lingua, tamén potenciaban outras ensinanzas máis enfocadas ao mundo laboral, coma aquelas que tiñan que ver coas técnicas agropecuarias ou con actividades comerciais como contabilidade, mecanografía ou redacción de cartas comerciais. As actividades complementarias eran variadas, xa que se programaban conferencias, excursións e actividades lúdicas ao longo do curso.
No que respecta á arquitectura destes edificios, baseouse no pragmatismo, distribuíndo o espazo en aulas, a veces separadas por sexos, equipadas con todo tipo de material escolar, como mapas ou coleccións de minerais; lugares de recreo onde se impartía educación física ou se ocupaba o tempo de lecer; bibliotecas, laboratorios dotados con instrumental; dependencias para as vivendas dos mestres; hortas nas que levar a cabo experimentación agrícola ou obradoiros nos que aprender un oficio.
No deseño destas construcións primaba a funcionalidade e buscábase para emprazalas lugares aireados, xa que a hixiene e a salubridade eran dúas das premisas nas que se baseaban estes edificios, como o era nos domésticos, polo que era frecuente que houbese aseos e auga corrente, e que estiveran orientadas o máximo de horas posible cara a luz do sol. Procurouse que se situasen nas parroquias máis poboadas ou nun punto equidistante para dar o mellor servizo posible.