Nucleos urbanos e parroquias

O Seixo

concelloEste é o principal núcleo urbano de Tomiño e a el accédese a través da estrada PO-552 vindo dende Tui ou ben a PO-351, se vimos de Gondomar. Nel atópase a Casa do Concello, na praza principal da vila, a Praza do Seixo, e tamén a Praza de Abastos. Nela celébrase todos os mércores un mercado dende 1884.

 

A Praza da Mina, era antigamente un lugar onde brotaba a auga de xeito natural, e inspirándose nese feito, o artista Xuxo Vázquez, director artístico da obra de remodelación da praza, concibiu unha fermosa fonte que simula o brotar das cinco minas de auga que nacían no lugar. O conxunto se complementa cunha escultura do mesmo artista.

 

Outra área de lecer dentro do núcleo urbano a encontramos no Parque do Campo da Feira, cunha fermosa alameda, espazos de recreo e xogos infantís. Aquí atópase o edificio da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), con espazo de lectura e acceso a internet, onde antigamente se celebraba unha popular feira de gando, empregándose o edificio para albergar os animais e pesalos.

 

Saíndo da vila en dirección á Guarda está a subida que conduce ao Parque do Alivio, onde se sitúa o santuario que acolle a patroa do municipio, a Virxe do Alivio, e que conta cunha popular romaría na súa honra.

Goián

auditorio-goianÉ o segundo núcleo urbano do municipio, situado na estrada PO-552, que une Tui con A Guarda. Neste emblemático punto fronteirizo inaugurouse no ano 2004 unha nova ponte internacional que o une con Vilanova de Cerveira. A Ponte da Amizade veu a estreitar máis as relacións entre ambas as vilas e ofrece unha fermosa estampa do río e das súas marxes dende o paseo peonil que incorpora.

 

No centro da vila atopamos a praza Pintor Antonio Fernández, co conxunto da igrexa Parroquial do século XVIII e casa reitoral, e a arteria principal, a avenida Ordóñez, que aínda conserva moitas das casas indianas que contribuíron á urbanización da vila a comezos do século pasado, e o Centro Goianés, que ten a súa orixe no ano 1914 e foi durante moitos anos o centro social máis activo de toda a comarca.

 

Se continuamos por esta avenida principal, ao chegar ao cruce que vai para Tabagón, atopamos “A Casa das do Correo”, antiga parada da dilixencia de correos a comezos do século XIX, convertida hoxe nun acolledor restaurante. Chegando ao remate desta estrada principal, alcanzaremos a ermida de San Roque, nunha fermosa contorna de sobreiras centenarias e que albergou no século XVII a fortaleza de Nosa Sra. da Concepción, erixida en terra polos portugueses e da que só conservamos algúns vestixios do seu contorno.

 

A avenida desemboca no río Miño, que lle ofrece ao visitante unha fermosa panorámica da ribeira e da veciña vila portuguesa de Vilanova, así como dunha praia fluvial e embarcadoiro. A contorna ten o complemento perfecto na fortaleza de San Lourenzo e o Pazo da Torre, cunha pequena capela no seu exterior.

División parroquial

parroquias-tomino-w