A gastronomía de toda a comarca en xeral vén marcada pola excelente calidade da materia prima. A proximidade do mar e do río fan que o peixe e o marisco sexan os produtos estrela da zona.
O Miño é un dos ríos galegos cunha maior riqueza piscícola e bríndanos cobizadas especies de tempada, coma as anguías, a solla ou a lamprea, que ten neste río o seu principal hábitat en Galicia. Este apreciado peixe foi abundante en moitos ríos galegos, pero na actualidade a súa presenza redúcese practicamente ao río Miño, e ten un importante peso na cultura gastronómica da zona.
A proximidade do porto da Guarda, cunha importante frota pesqueira e lonxa propia, tamén achega ás nosas mesas produtos do mar de primeirísima calidade.
Non podemos esquecer os produtos da horta, que aquí adquiren un significado especial polo peso que o labor da agricultura ten na economía do Concello. O excepcional microclima do Baixo Miño, e de xeito especial Tomiño, ao abrigo da influencia marítima e con elevadas temperaturas estivais, eleva a calidade destes produtos.
É habitual que sexan explotacións de pequeno ou medio tamaño, que non empregan métodos de agricultura extensiva, o que lle confire unha maior calidade ao produto. Destacamos aquí o cultivo do kiwi e tamén do mirabel, un tipo de ameixa procedente da Europa Meridional, que é protagonista de moitas sobremesas e que se adoita empregar na elaboración de caldo de azucre.
Outro doce típico da zona é a rosca tomiñesa, protagonista incluso dunha festa gastronómica na súa honra, que ten lugar en Tomiño a últimos de novembro.
Engadimos tamén pola súa singularidade o licor de Cilantro, unha herba aromática moi apreciada, e que comezou a destilarse artesanalmente en Goián, onde hoxe en día unha empresa local produce coas técnicas artesanais este licor e outros de café, mirabeis…