Sistema Goián-Vilanova de Cerveira-Estás
Este conxunto de fortalezas xorde como consecuencia do avance do exército portugués cara ás terras máis baixas do río Miño. A poboación da Barca en Goián será atacada en dúas ocasións e alí iniciarán no ano 1644 a construción dun sistema de fortalezas terreñas, que servirán de modelo para outras fortificacións posteriores.
Nosa Señora da Concepción, levantada polos portugueses e situada nunha elevación do terreo a 1,5 km do río, será a principal e máis grande edificación do sistema na súa parte galega, e será erixida completamente en terra e madeira. Outras fortalezas posteriores construídas polo exército español, como a de Medos ou Amorín, seguirán este modelo, que ofrecía as vantaxes dunha rápida construción. Era de planta irregular e ocupaba 50 000 m2 de superficie. A súa función defensiva estaba completada por outras dúas fortificacións coas que se intercomunicaban mediante un sistema de trincheiras.
Na actualidade o seu trazado orixinal está moi desvirtuado por diversas edificacións e camiños que ocupan o terreo da fortificación. A ermida de san Roque eríxese no que sería o patio de armas, e a estrada que une Goián coa zona do río atravesa o conxunto pola súa metade.
En resposta a estas fortificacións erixidas polos portugueses, o exército español situarase nas proximidades e construirá o Forte de Medos, en Estás. Rematouse no ano 1664 e será levantado en terra, cunha superficie útil no seu interior de 5000 m2 e con espazo para almacéns, polvoreiras, pavillóns, etc. Xunto co castelo de Amorín, tería a función de cortar o paso do exército portugués cara a Tui, que contaba cunhas defensas moi pobres.
Tras a firma do Tratado de Paz en 1668, comeza un período de devolución das prazas tomadas e un reforzo das fortificacións. Ambas as partes deciden manter algunhas delas, facendo modificacións ou completando a defensa con novas edificacións, como por exemplo será o caso de san Lourenzo de Goián.
Este forte foi construído polos españois enriba do primitivo Forte da Barca, para substituír o complexo defensivo portugués que defendía a zona de Goián e co obxectivo de reforzar a zona de cara a un posible novo conflito con Portugal. Aínda que é de pequenas dimensións, presenta unha das plantas máis interesantes de todo o conxunto galego, pola súa perfección e simetría.
Feito en pedra, ten forma case cadrada, con baluartes nos ángulos e tres medias lúas defensivas, adquirindo así a planta unha forma estrelada e rodeada toda ela por un foso. No seu interior albergaba almacéns, cuarteis, unha polvoreira, capela, casa do gobernador e do capelán, cortellos e pozos. É o mellor conservado de todo o conxunto de fortalezas.
Encontrámonos, pois, cunha zona de grande interese patrimonial, tanto pola entidade dos bens como polo que no seu momento supuxo o fenómeno de fortificación fronteiriza, con edificacións erguidas a ambos os dous lados do río Miño.
Todas teñen a declaración de BIC, Ben de Interese Cultural, o máximo nivel de protección contemplado na Lei do patrimonio cultural de Galicia.