02 Xuñ 2016 Aberta a inscrición para as actividades deportivas de verán organizadas polo Concello

A partir do día 1 de xuño de 2016 está aberta a inscrición nas diferentes disciplinas deportivas, culturais, medio ambientais, etc. organizadas polo Concello durante este verán.

Letras marcapáxinas 2

Segundo o calendario, a primeira das actividades será un Curso de Promoción do Piragüismo destinado a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos, e que terá lugar do 28 de xuño ao 8 de setembro, sendo obrigatorio saber nadar. Custe da actividade 15 euros en total.

O mesmo requisito, saber nadar, e ademais ter alo menos 14 anos, é necesario para poder participar na actividade denominada Rutas ambientais de descenso en kayak polo río Miño, que se desenvolverá todos os sábados de xullo e agosto, cun prezo de 5 euros por cada xornada na que se participe.

Dados os bos resultados acadados en anos anteriores a Concellaría de Deportes organiza unha vez máis os campus de fútbol, tenis e pádel.

O primeiro terá lugar entre o 18 e o 30 de xullo e poderán participar nenos e nenas de entre 5 e 16 anos. Prezo da actividade 55 euros. Colaboran Goián F.C. e A.D. Tomiño.

Pola súa banda, os campus de tenis e pádel, desenvolveranse durante os meses de xullo e agosto, destinados a nenos e nenas de entre 6 e 16 anos, e tendo un custe mensual de 20 euros por participante.

Outra das actividades que volve a estar na programación de verán é o Campamento Urbano, para nenos e nenas nados entre os anos 2004 e 2011. A actividade terá lugar do 4 ao 29 de xullo en horario de mañá. Custe de 25 euros.

Por último, o programa ofrece tamén clases de Ioga Tibetano, destinado, neste caso, a persoas a partir dos 18 anos de idade. O curso desenvolverase nos meses de xullo, agosto e setembro, cun custe total de 15 euros por participante.

Para máis información e inscricións, é necesario contactar co servizo de mocidade, cultura e deportes, no teléfono 986 622001; pasar pola OMIX (A Rocha, 8) en horario de mañá, ou ben enviar un correo ao enderezo omix@concellotomino.com

 

 

 



X