16 Ago 2016 As visitas para coñecer o patrimonio tomiñés continúan cos petróglifos de Portaxes e Real Seco

O programa “Tomiño Único” comezou hai case un mes, conseguindo un alto nivel de participación

O Concello de Tomiño segue a por en valor o rico patrimonio teton1arqueolóxico e arquitectónico do municipio, dentro do programa de actividades, de balde e para toda a familia, Tomiño Único, organizado pola Concellería de Turismo e Patrimonio, que dirixe Fátima Rodríguez.

As actividades, centradas nos petróglifos e as fortalezas tomiñesas consisten nunha serie de roteiros e travesías en kayak que permite aos participantes descubrir os vestixios dun Tomiño doutra época. O programa, que comezou hai practicamente un mes, conseguiu espertar o interese de residentes e visitantes, rexistrando unha elevada cifra media de participación.

Mañá, mércores 17 de agosto, terá lugar unha segunda parte das Noites do Monte Tetón, cunha visita aos petróglifos de Portaxes e Real Seco. A saída está prevista ás 20.30 horas dende a Casa da Cultura. Guiará a ruta o investigador Xosé Lois Vilar, membro doInstituto de Estudos Miñoranos.

O Monte Tetón, un dos escenarios elixidos para o programa, situado na parroquia tomiñesa de Tebra, alberga un dos conxuntos de arte rupestre máis importantes de Europa. Os petróglifos de Portaxes e Real Seco ofrecen á persoa visitante un repertorio iconográfico de representacións circulares con gravados de 4000 anos de antigüidade e os máis grandes de Europa atopados até o momento.

O vindeiro mércores o programa ofrecerá a posibilidade de descubrir as fortalezas, neste caso, o Forte de Estás. Completarase a saída cun percorrido polos Muiños da Regueira e da Gandariña, e a Aula Abdón Alonso.

Os roteiros son de balde e teñen unha duración de 3 horas. Están dirixidos a todos os públicos e non é necesario inscribirse; basta con achegarse ao punto de encontro. Recoméndase levar calzado cómodo, roupa de abrigo e bebida.

 

Programa completo de actividades: Programa Tomiño único

 

Máis información:

 

cultura@tomino.gal

prensa@concellotomino.com

986 622 003



X