19 Ago 2016 Campamento Musical de Tomiño. Primeiro contacto coa música, en verán e con xogos

Vinte e cinco rapaces e rapazas participaron no Campamento Musical organizado polo Concello de Tomiño e a Agrupación Musical de Goián

Campamento musical 2

Un total de 25 nenos e nenas participaron este verán no Campamento Musical organizado polo Concello de Tomiño e a Agrupación Musical de Goián. A actividade tivo lugar durante a primeira semana do mes de agosto coa coordinación de Andrés Laguna, Eresi Rodríguez e Cristina Costa, os tres profesores da escola de música municipal e membros da banda.

“Unha noite de amor con Lela”, título do concerto que a agrupación ofrecerá o vindeiro día 26 na Praza do Seixo, foi o fío condutor do campamento, no que os rapaces e rapazas, de entre 3 e 14 anos, traballaron cunha metodoloxía integradora que lles permitiu aprender e convivir en diversidade. Houbo tamén obradoiros de construción de instrumentos con elementos reciclados; exercizos e dinámicas de relaxación, e o último día unha demostración de todo o aprendido ante pais, nais e familiares.

Campamento musical 1

Os participantes non era so de Tomiño, senón que viñan tamén de outros concellos da comarca, coma O Rosal ou A Guarda e tamén de Vilanova de Cerveira.

Explica Andrés Laguna, profesor de música en movemento e xardín musical e clarinetista da banda dende hai máis de 10 anos, que aínda que algúns dos participantes, xa tiñan coñecementos musicais, para a maioría, este campamento foi o seu primeiro contacto co mundo da música, a través de xogos e dinámicas de grupo. Deste xeito, achegáronse á figura de Lela (personaxe teatral de Castelao) e realizaron tarefas relacionadas ca arte, ademais de compartir unha merenda saudable a base de froita.

A actividade contou tamén con artistas convidados, que viñan a interpretar diferentes instrumentos e estilos, espertando o interese dos pequenos/as, moitos/as dos cales decidiron matricularse coma alumnos/as no vindeiro curso da escola municipal, cuxo prazo de inscricións xa está aberto.

 



X