07 Mai 2014 COMEZAN AS OBRAS PARA A CONSTRUCIÓN DA ESCOLA INFANTIL DE GOIÁN

O investimento total supera os 600.000 euros, dos que o 40% será aportado polo Concello, ademais dos terreos da antiga casa médica de Goián

As obras para a construción da nova Escola Infantil de Goián, comezaron esta semana, despois da sinatura do correspondente convenio de colaboración coa Xunta de Galicia, para incluír o proxecto no Plan Educa3 do Ministerio de Educación.

A obra ten un orzamento de 610.000 euros, achegando o Concello o 40% da suma, ademais de ceder os terreos e a antiga casa médica de Goián, para a execución da nova escola infantil, con 61 prazas de 0 a 3 anos, que virán a sumarse ás máis de 40 que ten a Escola Infantil do Seixo.

A nova construción terá unha superficie útil de 466 metros cadrados, con catro aulas, sala de usos múltiples, cociña, parque infantil, patio e horta.

O proxecto contempla a utilización da antiga casa do médico, construída en pedra, como edificio administrativo, con despachos para o profesorado. Formando un círculo, construiranse catro aulas dotadas de moita luminosidade. Disporá dunha aula de usos múltiples que servirá tamén de comedor, e contará cun office-cociña para recibir e procesar as comidas de catering. No centro estará situado o patio con zona de xogos. Se manterán as palmeiras e outras plantas existentes, asociadas á paisaxe desta céntrica zona de Goián.

O Concello puxo a disposición do Consorcio a parcela da antiga casa médica de Goián, cunha superficie de 1.830 m2 e un edificio en planta baixa de 140 m2 e 78 m2 de planta alta con aproveitamento baixo cuberta de 62 m2, de titularidade municipal, libre de cargas e gravames, urbanisticamente idónea para o uso pretendido e as pertinentes licenzas municipais de obras.

A parcela foi entregada con todos os servizos necesarios a pé da mesma (acometidas de luz, auga, teléfono, gas, así como calquera outra de análoga natureza que sexa imprescindible para a construción do edificio (servizos de obra).

Unha vez rematada a construción (no mes de febreiro de 2015) o Concello e o Consorcio subscribirán un convenio para a xestión desta nova escola infantil.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, expresou a súa satisfacción pola realización desta vella aspiración do goberno municipal, que permitirá escolarizar a 61 nenos e nenas máis deste municipio, cunha poboación de case 14.000 habitantes, dos cales 470 teñen entre 0 e 3 anos.

Máis información sobre o proxecto e infografías no seguiste enlace: link

Concello Tomiño - escola infantil Goian_1 Concello Tomiño - escola infantil Goian_2



X