26 Ago 2016 Dez equipos daranse cita este sábado en Tomiño no I Campionato Integrador de Slálom

A proba, única no seu tipo en Galicia, foi presentada esta mañá no Concello

A terceira e última proba náutica do I Campionato Galego de Slálom Integrador, celebrarase mañá, sábado 27 de agosto en Goian, coa participación de dez equipos galegos, cinco deles do club Sen Amarras, de Tomiño.

A proba, que terá lugar nas inmediacións do antigo embarcadoiro do Ferry entre as 16:00 e as 20:00 horas, conta coa colaboración do Concello de Tomiño, e foi presentada esta mañá en rolda de prensa.

Na oportunidade, estiveron presentes a presidenta do Club Deportivo Sen Amarras, Susana Costa,o presidente da Federación Galega de Motonáutica, José Fernández Prado, o coordinador da proba, Marcos Casaleiro e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Segundo explicaron os organizadores, a principal característica deste campionato, o primeiro no seu tipo en Galicia, é a integración, xa que os equipos están formados por persoas con e sen discapacidade, utilizando unha embarcación adaptada que pode ser patroneada de maneira sinxela.

Trátase dunha proba de regularidade, pericia e integradora, onde prima axustarse ao máximo ao tempo medio estipulado para a mesma. Componse dun zig-zag, un corredor e unhas probas de habilidade, sendo máis importante a regularidade que a velocidade, dado o seu carácter inclusivo.

O número de equipo é de dez e terán que amosar a súa habilidade no manexo da embarcación e colaboración entre mariñeiro e patrón.

A proba comezará ás catro da tarde, sendo a entrega de trofeos ás oito.

A presidenta do club Sen Amarras, comentou que este primeiro campionato integrador naceu tras detectar que as persoas con mobilidade reducida non tiñan ningunha actividade deportiva náutica. Neste senso foi decisivo o apoio da Federación Galega de Motonáutica e Sodináutica.

O presidente da federación, pola súa banda, amosouse encantado de contar con esta nova actividade e reiterou o seu compromiso para organizar outras dirixidas, por exemplo, aos máis cativos e cativas.

A alcaldesa de Tomiño salientou o traballo dos organizadores da proba e da Asociación para persoas con discapacidade Vontade, para conseguir a normalización e integración deste sector da sociedade.

 



X