28 Xul 2016 O Concello de Tomiño colabora coa campaña solidaria “Súmate. Doa sangue”

Os tomiñeses e tomiñesas fixeron máis de 5500 doazóns de sangue dende o ano 1995

O Concello de Tomiño e o Centro de Transfusión de Galicia impulsan a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que neste verán precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes.

As épocas do ano de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden co verán. Os enfermos ingresados nos hospitais galegos seguen a precisar a solidariedade da cidadanía, e por iso, o Concello distribuirá material informativo para tratar de incrementar a participación.

As persoas maiores de 18 anos que desexen participar poden acudir a:

TOMIÑO. XOVES 4 AGOSTO: 10.00 – 14.00 e 16.00 – 21.00 horas
Unidade móbil de doazón de sangue na praza do Seixo

GOIÁN. VENRES 5 AGOSTO: 10.00 – 14.00 e 16.00 – 21.00 horas
Unidade móbil de doazón de sangue na praza Pintor Antonio Fernández

A Organización Mundial da Saúde recomenda acadar de 40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes para cubrir todas as necesidades dos hospitais. O obxectivo é incrementar a participación de 26 doazóns por cada 1.000 habitantes que acadou o Concello de Tomiño en 2015 e poder axudar a moitos enfermos que precisan da nosa solidariedade.

Queremos facer un agradecemento especial a todas as persoas que doan sangue. Tomiño conta con 1.069 doadores censados que realizaron 5.590 doazóns de sangue dende a primeira visita da unidad móbil do CTG en xuño de 1995. Grazas a este xesto solidario, cada día os hospitais atenden unha media de 2.700 urxencias, realizan máis de 500 intervencións cirúrxicas e levan a cabo 3 transplantes de órganos e tecidos.

Neste verán, moitas persoas dependen da solidariedade dos veciños e veciñas de Tomiño para recuperar a saúde ou salvar a vida. Súmate e doa sangue.



X