O Concello de Tomiño leva a pleno uns orzamentos que priorizan servizos sociais e educación.

As melloras no saneamento e o inicio do proxecto da biblioteca municipal son outros dos eixos das novas contas municipais, que chegan a 6,2 millóns de euros

O goberno local de Tomiño levará a pleno este luns a aprobación do Orzamento 2016, que ascende a 6,2 millóns de euros e priorizará o reforzo do departamento de Servizos Sociais e o investimento en educación. O saneamento, a dinamización do comercio local e a futura biblioteca serán tamén proxectos clave no vindeiro exercicio.
O Concelleiro de Facenda, Uxío Benítez, destaca dos orzamentos “a racionalización dos investimentos que busca paliar as principais necesidades do municipio. É un orzamento equilibrado no que o saneamento volve a centrar os principais esforzos orzamentarios, mais tamén é un orzamento que potencia os servizos sociais e a educación.”
En canto aos Servizos Sociais, o Concello de Tomiño incrementará sensiblemente a súa partida económica e porá en marcha un Plan Municipal que inclúe unha análise pormenorizada das necesidades máis urxentes dos veciños e veciñas co fin da mellora do servizo e da súa efectividade.
Xunto coa de Servizos Sociais, a de Educación é a outra área que verá incrementada a súa partida orzamentaria. No ano 2016 ademais das infraestruturas solicitadas polos distintos centros educativos, levarase a cabo a mellora do tellado do Pavillón de Tebra e a pista de atletismo no CEP Pedro Caselles, que contemplará un dobre uso:escolar e aberto á cidadanía.
Como novidade, celebrarase a primeira Semana da Educación, que está programada para o mes de febreiro e fará de Tomiño o foco de atención de especialistas do mundo académico. Estas xornadas centraranse na análise do fracaso escolar e nos métodos alternativos de mellora do rendemento académico do alumnado. Ademais, no 2016 continuarase investindo no Programa ‘É Aprender’, que presta atención psicolóxica de xeito gratuíto a unha trintena de mozos e mozas do municipio.
Por outra banda, un dos proxectos estrelas do novo orzamento municipal é a biblioteca. O Concello de Tomiño destinará unha partida de 30.000 euros ao proxecto do deseño das instalacións, que contará con participación cidadá. Así mesmo, neste ano traballarase para acadar o financiamento preciso para executar o proxecto da futura biblioteca na colaboración con outras institucións.
Saneamento
Un ano máis volve a maior partida dos orzamentos (120.000 €) estarán destinadas ao Plan de Saneamento Municipal e á posta en práctica dun servizo de baleirado de fosas sépticas. Este proxecto piloto está sendo estudado co fin de que sexa un servizo efectivo e que sirva para abaratar custos ás familias ás que o saneamento a non aínda non chegou.
Por outra banda, o goberno local continua tamén na súa aposta polo comercio local e dedicará unha partida orzamentaria a mellorar a formación dos comerciantes tomiñeses. O Plan de dinamización do comercio local dará continuidade ás obras da Praza do Seixo, proxectando iniciativas de consolidación dos postos de traballo do comercio local que xa se viron revitalizados cos investimentos do Mercado Municipal facendo do Seixo un polo de atracción do comercio.
En canto á área de Persoal, o orzamento municipal de 2016 contempla a reserva dunha partida orzamentaria destinada a ampliación horaria do servizo de limpeza. As limpadoras municipais ven así incrementadas as horas de traballo e, polo tanto, o seu salario e cotización. Ademais, o Concello destinará 25.000 euros para facer fronte á futura Relación de Postos de Traballo (RPT), que actualmente en período de negociación cos sindicatos.
Para reducir os gastos correntes, o Concello de Tomiño destinará novamente unha partida ao Plan de Aforro Enerxético. Preténdese conter a factura da enerxía tanto do alumeado público como das instalacións de mantemento municipal tales como edificios administrativos, centros educativos, culturais e deportivos.
Plan Compost
Finalmente, o goberno local reservará unha partida co fin de acompañar as iniciativas de compostaxe colectivo que está promovendo a Deputación ás que se vai acoller o Concello de Tomiño. Trátase de implantar puntos de compostaxe comunitario nos núcleos urbanos do Seixo e Goián co fin de reducir a factura de Sogama ligada ao lixo do contentor verde.



X