“O Concello Escoita” chega a súa recta final cun salientable nivel de participación veciñal

A iniciativa pretende, ademais de informar sobre proxectos que se están a executar, coñecer mellor as necesidades de cada parroquia e tomar nota das propostas veciñais

 

A ronda de reunións, levou ao equipo de goberno por todas as parroquias do municipio, rematando hoxe en Tomiño Centro, e mañá, en Goián

 

Coma vén sendo habitual, a rolda intensiva de xuntanzas informativas denominada “O Concello Escoita”, rexistrou en xeral, un moi bo nivel de participación veciñal, en cada unha das sesións celebradas ao longo das dúas semanas pasadas, nas diferentes parroquias.

 

A iniciativa, que comezou o pasado día 21 de marzo, obtivo unha media de 50 asistentes por sesión, polo que se prevé que ao remate da actividade, sexan máis de 500 persoas as que participen.

A rolda entra na súa recta final coas dúas últimas xuntanzas, que terán lugar en Tomiño (hoxe na Casa da Cultura ás 20.00 hs.) e mañá martes, 4 de abril, en Goián (Centro Goianés, ás 20.00 hs.).

 

Nestas xuntanzas os representantes do goberno local informan sobre as obras e proxectos levados a cabo no presente ano, e logo da exposición de temas relativos ao funcionamento do Concello, tal coma as partidas dos orzamentos municipais (gastos e ingresos, proxectos e investimentos previstos, etc.), escoitan as dúbidas e consultas dos veciños e veciñas, sobre aspectos relativos á parroquia e ao municipio en xeral.

 

“O goberno local entende que a participación política é unha das prioridades. Queremos un concello dinámico e vivo onde todos e todas esteamos implicados no seu funcionamento, aportemos solucións e coñezamos a súa realidade como administración máis próxima á veciñanza”, explica a alcaldesa, quen agradece a asistencia da veciñanza e o interese amosado polas cuestións municipais e as necesidades dos diferentes núcleos.