O Mercado de Tomiño hermánase cunha localidade inglesa na campaña “Quere o teu mercado”

Dentro da iniciativa, mañá sábado 28 de maio, celebráse outra edición de “Sábados con sabor”; na que os clientes poden degustar dúas tapas de comida saudable e dous viños, por tan so 5 euros

O Mercado de Tomiño participa na campaña “Quere o teu mercado” que é o lema en galego, da campaña internacional dos mercados “Love Your Local Market”. A iniciativa conta este ano coa participación de mercados europeos e doutros países (España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, Hong Kong e Estados Unidos).

En Galicia a acción é promovida pola Xunta de Galicia en colaboración con concellos, prazas de abastos e federacións e asociacións de comerciantes, co obxectivo de potenciar a compra do produto local, ademais de enxalzar a profesionalidade dos praceiros e praceiras de cada localidade.

Tomiño leva a cabo esta campaña en colaboración co mercado de Warrintong (Reino Unido); colaboración que se concreta na gravación de vídeos nos que os praceiros e praceiras de ambos mercados se saúdan e se envían mostras de apoio (poden verse en Facebook: Mercado de Tomiño).

Ademais dunha decoración que inunda o mercado de plantas e flores, os praceiros teñen nos seus postos información visible, sobre os beneficios para a saúde dos produtos á venda, xa que este ano o tema central da campaña é a alimentación saudable.

Os clientes que o desexen poden tamén deixar escritas as súas mensaxes de apoio e saúdo aos praceiros e ao mercado.

Dentro desta campaña, o sábado 28 de maio celebrarase outra edición de “Sábados con sabor” no Mercado de Tomiño, na que os clientes poden degustar dúas tapas de comida saudable e dous viños, por tan so 5 euros. Os tíckets están xa á venda en calquera posto do mercado, tendo en conta que o número de menús dispoñibles é limitado.