12 Mai Os concellos deTomiño e Tui recibirán máis de 330.000 euros do Plan Concellos 2017, da Deputación de Pontevedra
En concreto, aprobáronse achegas por valor de 334.110,92 € para que os concellos de Tomiño e Tui poidan, entre outras cuestións, realizar o saneamento e mellorar a pavimentación de núcleos rurais así como adquirir material informático.
A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, informou que Tomiño se beneficiará dunha achega de 212.962,95€ a través da cal se vai realizar o saneamento dos núcleos de Vilachán e Sanomedio. Con estes proxectos e os xa aprobados ata o momento, Tomiño, tal e como manifestou Silva, ten xa o 38,53% do orzamento correspondente ao Plan Concellos aprobado.
No caso de Tui as achegas ascenden a 121.147,97 € a través dos cales o concello porá en marcha a mellora da pavimentación que une os núcleos de As Chans (Randufe) con Circos (Pazos de Reis) así como o subministro de material e software informático para o concellos. Silva informou, ao respecto, que ata o momento Tui ten aprobado o 37,68% do orzamento correspondente ao Plan Concellos deste ano.