09 Mai 2016 “Os Teixugos” gañan a III Copa de Slálom Galego

O CLUB DEPORTIVO MIÑO-TEIXUGOS GAÑADORES DA 3ª COPA DE SLÁLOM GALEGO

Este domingo celebrouse en Castrelo, Mazaricos, a 3ª Copa Galega de Slálom Olímpico correspondente a Liga Galega de Slálom. A competición, que comezou con moito retraso debido a un malentendido coas empresas eléctricas que controlan as augas do río Xallas, non puido ir mellor para os Teixugos.

Nunha tarde chuviosa e fría, e despois dunha longa espera agardando por un bo caudal de auga, todos os deportistas deron o mellor de si mesmos. Andrea González gañou en K1 sénior e Laura Alonso quedou terceira na mesma categoría. Brais Castro en C1 sénior tamén acadou o primeiro posto; a mesma posición para Manuel Ochoa en K1 júnior na que ademais Brais Castro quedou terceiro. Outra gañadora na súa categoría foi Ariadna Pereira en K1 infantil. Tamén fixo podio Marco Patiño cunha segunda posición en K1 cadete.

A clasificación final por equipos estivo liderada polo Club Deportivo Miño cun total de 157 puntos, seguido polo Club Piragüismo Penedo de Caldelas con 150 e o Club Tea de Mondariz con 130.

A próxima cita dos Teixugos será nas augas do Esla na localidade leonesa de Sabero, onde se celebrará a 3ª Copa de España de Slálom os día 28 e 29 de maio.

TEXTO: Rosa Fernández Carrera.

FOTOS https://picasaweb.google.com/109529194923691483792/6282354829753481489

O concelleiro de Deportes, Ismael Troncoso, fai chegar os seus parabéns a todos e todas os deportistas, polo seu esforzo e dedicación constantes.



X