09 Xan 2017 Tomiño acada financiación autonómica e europea para controlar a flora exótica invasora na ribeira do Miño

  • Nun estudo previo detectáronse 35 especies de plantas exóticas invasoras e 13 potencialmente invasoras, concentradas sobre  terreos agrícolas pero tamén no medio natural
  • No 2017 continuarán as actuacións con máis intensidade, para o cal se procederá á contratación de persoal desempregado do municipio

Tarefas de eliminación realizadas 2 (Copy)

Desde hai varios anos, o goberno municipal de Tomiño ten adoptado unha política de recuperación e posta en valor da ribeira do Miño, exemplarizada tanto na restauración e recuperación da Fortaleza de San Lourenzo en Goián, coma na habilitación de sendas peonís, na dotación de paneis e sinalización de carácter interpretativo, ou mesmo na realización dun estudo da biodiversidade de boa parte da área protexida.

Debido ó risco que as plantas invasoras representan para os ecosistemas naturais, no ano 2016 a Concellalía de Medio Ambiente do Concello de Tomiño presentou un proxecto de inicio de erradicación e control de invasoras dentro dunha convocatoria para Concellos con Zonas de Especial Conservación (ZEC) dentro da Rede Natura 2000.  O proxecto foi finalmente aprobado, e financiado pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, con cofinanciamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).mapa intervención

O obxectivo é intervir nunha zona de 9 km ó longo do río Miño entre o Espazo Fortaleza e Carregal, o 60% do espazo de ribeira do Miño do Concello, pois trátase do segundo espazo natural de Galicia con maior número de invasoras.

Concretamente, nun estudo previo sobre caracterización e valoración da biodiversidade neste tramo, detectáronse 35 especies de plantas exóticas invasoras e 13 potencialmente invasoras, concentradas sobre  terreos agrícolas pero tamén no medio natural.

A finais do ano 2016, realizouse a primeira fase de eliminación de flora exótica invasora na ribeira do Miño. As actuacións consistiron fundamentalmente na eliminación de exemplares de diversos tipos de acacias e robinias. No ano 2017 continuarán as actuacións con máis intensidade, para o cal se procederá á contratación de persoal desempregado de Tomiño.

 

 



X