18 Mai 2016 Tomiño acolle as II Xornadas Forestais do Baixo Miño

Organizadas pola asociación de educación ambiental “A Jalleira” coa colaboración do Concello de Tomiño, as conferencias estás especialmente dirixidas ás comunidades de montes

II Xornadas Forestais Baixo Miño (Copy)

A Casa da Cultura de Tomiño acolle, o vindeiro sábado, 21 de maio, en horario de tarde, as II Xornadas Forestais Baixo Miño, organizadas pola Asociación Forestal e de Educación Ambiental “A Jalleira”.

As xornadas están dirixidas ás comunidades de montes, as asociacións e entidades que desenvolvan calquera tipo de actividade no medio natural, e ás persoas con
interese polo monte e polo medio ambiente.

Segundo o programa, a actividade comezará ás 16.00 horas coa charla “25 anos de xestión forestal”, sobre o modelo de xestión de monte comunal, multifuncional e sostible, a cargo de Isaac González, presidente da Comunidade de Montes Santa Mariña do Rosal.

Ás 17.00 horas, Xosé Carlos Morgade, secretario da Mancomunidade de Montes de Pontevedra, falará sobre “Usos e abusos do monte”; unha conferencia que abordará as problemáticas que xorden en torno á utilización que facemos do monte.

Ás 18.30 horas, David Rodríguez, vicepresidente da Asociación Ridimoas, falará da experiencia “O bosque de Ridimoas”, relatando a traxectoria da asociación, nada a finais dos anos oitenta, co obxectivo de defender o bosque autóctono da comarca do Ribeiro.

Por último, ás 19.30 horas, celebrarase unha mesa redonda e seguidamente a clausura das xornadas.

Para máis información: ajalleira.blogspot.com



X