Tomiño acolle os días 16 e 17 o III Intercambio de Experiencias Leader no Territorio “Potenciando capacidades no rural”

Trátase dunhas xornadas nas que participan grupos de España e Portugal co fin de crear un sistema de formación en competencias crave para persoas adultas con risco de exclusión social

Organizado pola Red Rural Nacional / ADR Maiv – Baixo Miño, Tomiño acollerá os vindeiros días 16 e 17 de xuño o III Intercambio de experiencias Leader no territorio “Potenciando capacidades no rural” , no que participarán grupos de diferentes puntos España e Portugal, coma Badajoz, Sevilla, Asturias, Cáceres, Cantabria, Valladolid, Galicia e Portugal.

“Potenciando Capacidades no Rural” é un proxecto que ten coma obxectivo crear un sistema de formación en competencias crave para persoas adultas con risco de exclusión social e baixo nivel de formación, (baseado nas tecnoloxías da información e comunicación e no software libre) que permita dotarlles desta cualificación para posteriormente acreditarlles profesionalmente, coa finalidade da súa incorporación ao mercado laboral.

“Trátase dun intercambio Leader no territorio, no que traballaremos sobre unha proposta de proxecto de cooperación, “Potenciando Capacidades no Rural”, que foi presentado pola ADR MAIV BAIXO MIÑO o pasado mes de novembro na reunión sobre proxectos de cooperación Leader da Rede Rural Nacional en Madrid. Na devandita reunión mostraron o seu interese en participar no noso proxecto”, explica Sandra González, alcaldesa de Tomiño e presidenta do GDR 14.

Mañá, xoves 16 ás 12.00 horas, no Concello de Tomiño, terá lugar a reunión de benvida, presentación dos participantes, e exposición do proxecto, comezando logo o programa de traballo, que se estenderá ata o día 17.



X