Tomiño imparte os primeiros cursos de manipulador de produtos fitosanitarios e prepara varios máis, dada a alta demanda

As accións teñen unha duración de 25 horas e se imparten en sesións de tres por día, cun máximo de 30 alumnos/as

O Concello de Tomiño, en colaboración cun centro homologado da comarca, está a impartir os tres primeiros cursos básicos de Aplicador e Manipulador de Produtos Fitosanitarios.

Dada a alta demanda, impártense na Escola Obradoiro de Goián, entre os días 7 e 17 de marzo, tres quendas diarias en horarios de mañá e tarde.

A duración da actividade é de 25 horas repartidas en sesións de tres diarias, de luns a venres. O prezo é de 45 euros e o número máximo de prazas por módulo é de 30. O último día, a academia encargada realiza aos asistentes o exame que lles da dereito á obtención do carné.

Trátase de cursos obrigatorios para poder adquirir ou aplicar produtos fitosanitarios de uso profesional.

A Oficina de Desenvolvemento Local prepara outros tres cursos que se impartirán entre os días 18 e 28 de abril e que a día de hoxe, salvo baixas, xa están completos. Porén, as persoas interesadas poden seguir apuntándose no Concello, xa que se prevé a realización de máis módulos.

 



X