14 Mar 2017 Tomiño xestiona en Madrid a adxudicación do antigo destacamento de mariña de Forcadela para a creación dun albergue inclusivo e unha aula de interpretación das fortalezas

A alcaldesa reuniuse esta mañá co Director General de Infraestructura do Ministerio de Defensa, acompañada polo presidente de COCEMFE, Anxo Queiruga, e do Centro Vontade, Miguel Pazo

 

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, reuniuse esta mañá en Madrid, co Director General de Infraestructura do Ministerio de Defensa, Eduardo Zamarripa, co obxecto de solicitar a desafectación do antigo destacamento de Mariña situado na parroquia de Forcadela, co obxecto de adquirir o edificio, que se atopa en ruínas dende hai décadas, e convertelo nun albergue inclusivo para o Centro de Persoas con Discapacidade “Vontade”, con sede en Tomiño, e ao que asisten persoas de toda a comarca.

A rexedora local estivo acompañada polos presidentes de COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) Anxo Queiruga, e do Centro Vontade, Miguel Pazo.

A alcaldesa manifestou a súa satisfacción pola boa disposición do Ministerio no que respecta á desafectación do inmoble que, tras a taxación correspondente, adxudicaríase directamente ao Concello. “Este é un primeiro paso, pero agardamos que se concrete, coma outros moitos proxectos nos que traballamos, e poidamos ter unha nova infraestrutura de carácter social para a nosa comarca”, explicou Sandra González, tras a reunión.

O proxecto do Centro Vontade prevé tamén a creación dunha aula de interpretación para por en valor as fortalezas militares do último tramo do río Miño e unha nave para actividades náuticas inclusivas, coma as que leva a cabo o Club Sen Amarras.

 

 



X