25 Nov 2016 Última actuación do Outono Cultural de Tomiño. Sonia Lebedinsky presenta en concerto ”Deserto de centos”

  • Este domingo actúa en concerto, a partir das sete da tarde, Sonia Lebedinsky, con ”Deserto de centos”
  • Máis de 300 persoas pasaron polo Auditorio de Goián para ver teatro durante o mes de outubro

 

Tras dous meses de programación, o Outono Cultural organizado polo Concello de Tomiño chega ao seu remate o vindeiro domingo, con ”Deserto de centos”, un concerto de Sonia Lebedinsky.

A artista convidada para este último concerto, foi durante unha década a voz do exitoso grupo Fía na Roca. Afincada en Boiro, presenta agora o seu primeiro traballo en solitario “Deserto de centos”. Trátase dunha “viaxe didáctica cara a un horizonte por descubrir”. Entre os colaboradores do disco atópanse Xosé Lois Romero , Guadi Galego, Uxía e Óscar Losada.

Coma vén sendo habitual, o espectáculo será no Auditorio de Goián, a partir das 19.00 horas. As entradas, a 6 euros, poden mercarse dende unha hora antes da función.

Precederon a Sonia Lebedinsky durante o mes de novembro, os espectáculos de Talabarte, Sergio Tannus Trío e Agrupación Musical de Goián acompañada polos músicos Vaamonde, Lamas e Romero, a fin de semana pasada.

No mes de outubro, dedicado ao teatro, preto de 300 persoas asistiron ás seis actuacións programadas.

Paralelamente, segue aberta a exposición A retranca dun país (humor gráfico), de Luis Davila, até o domingo 27 de novembro, con entrada de balde.

 

 



X