A Aula CeMIT de Tomiño acolle un exame para obter o certificado de competencias dixitais Aberto o prazo de inscrición para facer o exame ata o vindeiro 20 de marzo. A proba será o 25 de abril ás 10.00 horas

A Aula CeMIT de Tomiño acolle unha nova proba de avaliación de carácter libre para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX). Será o vindeiro 25 de abril, ás 10.00 horas, e nela poderá participar toda a cidadanía en xeral que, ben pola súa experiencia ou pola súa formación adquirida por diferentes medios xa posúe os coñecementos necesarios das aplicacións informáticas que compoñen o módulo formativo de Ofimática baixo o paquete de LibreOffice.

As persoas interesadas xa poden facer a súa inscrición dende este mércores 14 ata o vindeiro martes 20 de marzo, ambos os dous inclusive, sendo necesario estar dado de alta como usuario ou usuaria na rede CeMIT para formalizar a matrícula. Aqueles interesados e interesadas en recibir máis información ou solucionar dúbidas poden facelo enviando un correo electrónico a cemit.tomino@xunta.gal, chamando ao 986623304 ou pasando pola propia aula situada no Campo da Feira.

A inscrición será por orde de chegada da solicitude e soamente poderá presentarse unha solicitude por persoa, sendo excluídas as que figuren inscritas en máis dunha localidade ou en máis dun horario.

Rematado o prazo de inscrición realizarase o sorteo das letras do apelido para establecer a orde de inscritos con dereito a matriculación e, así, configurar a listaxe de reservas por localidades. O resultado publicarase na páxina web do CeMIT e se lles enviará ás persoas seleccionadas un correo coas instrucións e prazo para a realización da súa matriculación, que se realizará mediante o pagamento da taxa de 10,20 euros ou a xustificación da súa exención.