05 Ago 2014 A curta “Aprendendo a cambiar o conto”, sobre igualdade de xénero, seleccionada nun festival de cine social de Arxentina

Concello Tomiño presentación  curta igualdade 2_1024x768 Concello Tomiño presentación  curta igualdade 1A_1024x768

A cinta é o resultado dun obradoiro con alumnos de ESO, encargado polo Concello de Tomiño á realizadora galega Marta Piñeiro, directora “Matalobos” e “Padre Casares”

“Aprendendo a cambiar o conto”, a experiencia audiovisual sobre igualdade de xénero protagonizada por rapaces e rapazas do IES de Tomiño e dirixida por Marta Piñeiro, foi seleccionada no 6ª Festival Latinoamericano de Curtametraxes Imaxes Sociais que se celebrará do 13 ao 16 de Agosto na provincia de La Rioja (noroeste de Arxentina). Proxectarase fóra de concurso dentro da sección Mostras Especiais con obras de Colombia, Venezuela, Brasil, Chile e Arxentina (http://imagenesocialesfest.blogspot.com.ar).
“Aprendendo a cambiar o conto” é o título do traballo audiovisual froito dun taller sobre temas de Igualdade impartido a alumnos e alumnas de 3º da ESO, do IES de Tomiño, coa colaboración do Concello.
A realizadora ourensá Marta Piñeiro, directora de series tan exitosas coma “Matalobos” e “Padre Casares”, foi a responsable (por encargo do Concello de Tomiño) de impartir o obradoiro (coincidindo co Día da Muller), e de montar e editar o traballo final, que ela prefire chamar “experiencia audiovisual”, xa que non é unha curta de ficción nin un documental.
A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, expresa a súa satisfacción pola noticia e salienta o traballo realizado por Piñeiro e os 20 estudantes tomiñeses. “É fundamental traballar a igualdade a través da educación e dende idades temperás”, comenta.
Piñeiro indica que o máis salientable desta curta, é a actitude e o traballo dos 20 rapaces e rapazas de terceiro da ESO, que a pesar de non ter experiencia en medios audiovisuais, participaron activamente, dando ideas, imaxinando situacións, reflexionando sobre estereotipos e propoñendo alternativas. “Todos conseguiron finalmente pórse diante dunha cámara e expresar as súas impresións e opinións, e incluso, de converterse en actores e actrices por uns días”, explica a realizadora.
A curta dura uns 20 minutos, nos que os estudantes amosan todo o proceso do obradoiro, facendo reflexións, interpretando situacións e buscando condutas saudables.
“Estou moi satisfeita do traballo feito; foi unha experiencia moi gratificante, moi intensa que nos permitiu enfrontarnos a un tema tan importante coma a igualdade e reflexionar sobre el; comprobando ademais que o audiovisual pode ser unha ferramenta moi útil para o aprendizaxe e a acción social”, comenta Piñeiro.
Gonzalo Lomba e Gabriel Prada, dos estudos Colorado Springs (de Tomiño), realizaron cámara e son, respectivamente.

O vídeo pode verse en: http://vimeo.com/88919556

 



X