A Deputación adxudica as obras da nova avenida-variante de Tomiño O deputado de Mobilidade Uxío Benítez indica que o orzamento final será de 1.920.116,65 euros

A Deputación de Pontevedra vén de adxudicar á empresa Construcciones, Obras y Viales SA (COVSA) a construción das obras da nova avenida variante de Tomiño que servirá para retirar o tráfico de paso do núcleo da vila. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que a Xunta de Goberno provincial aprobou a contratación, que finalmente terá un orzamento de execución de 1.920.116,65 euros.

Nos vindeiros días a empresa terá que asinar o contrato formalmente, presentar o seu plan de seguridade e saúde para as obras, así como a acta final de replantexamento. Estes trámites coincidirán coa finalización do proceso de levantamento de actas para a ocupación dos terreos necesarios para a nova vía. Segundo explica o deputado de Mobilidade, persoal técnico da Xunta e da consultora responsable das expropiacións estivo a pasada semana no Concello de Tomiño levantando as actas previas, que terán que resolverse definitivamente para facer os pagos aos propietarios. O deputado agarda que o proceso burocrático estea totalmente pechado o vindeiro mes de xullo para poder iniciar as obras, que terán un prazo de execución máximo de 12 meses.

O proxecto da nova avenida-variante de Tomiño enlazará polo sur coa estrada provincial EP-3102 e polo Norte coa PO-344 (rúa Gondomar), proporcionando unha saída natural á rúa da República Arxentina e, de forma complementaria, ao Camiño do Alivio e ao Camiño da Pedra cara o leste do núcleo. Tamén enlazará coa futura vía de Alta Capacidade (VAC) Tui-A Guarda.

O trazado da nova vía esténdese durante 1.318 metros. A sección abrangue 16 metros de largo medio, 10 metros dedicados a unha plataforma de dobre sentido de circulación e seis metros dedicados a unha senda peonil e ciclista pola marxe esquerda e a unha separación intermedia coa calzada. Amais, o proxecto complétase mediante o deseño das interseccións co viario existente, incluíndo cinco glorietas.

A primeira glorieta estará no punto 0+000. Serve de conexión da variante coa EP-3102, coa PO-344 e coa rúa Gondomar, terá catro ramais de entrada e un radio de calzada de 18,65 metros. A segunda glorieta (no punto 0+230) serve de conexión da variante co Camiño do Alivio, con catro ramais de entrada, un único carril de circulación e un radio exterior de 14,68 metros.

A terceira glorieta (0+480) entronca coa avenida República Arxentina, que é un dos principais accesos ao núcleo do Seixo dende a PO-552. Terá dobre carril e un radio de 19 metros. Segundo explica o deputado Benítez, a intención é dar a esta glorieta un “tratamento máis urbano e de calidade”, seguindo o estilo e o deseño que terá no futuro a avenida Arxentina, que o Concello quere peonalizar ata o edificio da Casa Consistorial con cargo ao programa provincial DepoRemse.

Por outra banda a cuarta glorieta (1+000) coordinará a avenida coa traza do enlace da VAC Tui- A Guarda co núcleo do Seixo e a rúa da Pedra. Terá cinco ramais de entrada e 24 metros de radio exterior, sendo a máis ampla de todas. A quinta rotonda conforma o final do proxecto e enlazará a variante coa PO-344 e un camiño municipal que serve de acceso á estrada de Barrantes.

Outro punto importante da nova avenida será a iluminación, que estará deseñada especificamente para a nova vía. O proxecto incorpora novas luminarias no bordo entre calzada e senda, cunha distancia entre as mesmas de aproximadamente 30 metros. Nas glorietas e interseccións instalaranse tamén puntos de luz que permitirán mellorar a seguranza viaria neses puntos. Todas elas seguirán as indicacións do Regulamento de Eficiencia Enerxética, de tipo led.