A granxa escola musical Corazón de Carballo abre as súas portas en Tomiño Inaugurouse cunha exposición dedicada ao lobo en conmemoración a Félix Rodríguez de la Fuente no 90 aniversario do seu nacemento

Un lugar para educar na igualdade e no coidado polo medio ambiente, para revalorizar o rural e as tradicións, fomentar o consumo consciente, animar á autonomía persoal e a integración social ou descubrir o interese pola arte, o desenvolvemento creativo, as intelixencias múltiples e o coñecemento mediante a experimentación. Con estes obxectivos nace Corazón de Carballo, unha granxa escola musical que ven de abrir as súas portas en Tomiño.

Situada no barrio de Vilar, a granxa conta con 10.000 metros cadrados, nos que se atopa por exemplo unha casería do século XVIII reformado que acollerá a área de descanso, aseos e comedores, entre outros servizos. A granxa conta con aula de natureza, piscina, áreas de animais e horta, ademais de sala de formación ou área de xogos e actividades para todas as idades.

Charla inaugural

A granxa escola abriu as súas portas esta fin de semana coa inauguración da exposición ‘Amigo lobo. Lenda e realidade do lobo ibérico’, con fotografías de gran formato e paneis informativos sobre a bioloxía, a ecoloxía e a coexistencia do lobo ibérico no mundo rural. Todo acompañado por maquetas antigas de trampas de pedra, carlancas, esculturas, pinturas, escudos nobiliarios, pegadas, cranios e outros restos biolóxicos e paleontolóxicos do Canis lupus e outros cánidos.

A mostra, dedicada á memoria de Félix Rodríguez de la Fuente no 90 aniversario do seu nacemento, acollerá diferentes charlas e obradoiros a cargo de expertos en diferentes materias relacionadas co medio ambiente e a natureza.



X