“A NENA QUE QUERÍA NAVEGAR”, COMEDIA MUSICAL de Redrum Teatro, é a vindeira cita cultural o domingo día 1 de abril no auditorio Protagonizada por Laura Míguez, Guillermo Carbajo e Carlos Álvarez-Ossorio, a comedia familiar trata de previr situacións de acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo

Dentro da programación cultural de primavera o Concello de Tomiño presenta, o vindeiro domingo, 1 de abril, unha fermosa comedia musical para toda a familia.

Trátase de “A NENA QUE QUERÍA NAVEGAR” de Redrum Teatro.
Protagonizada por Laura Míguez, Guillermo Carbajo e Carlos Álvarez-Ossorio, esta comedia familiar trata de previr situacións de acoso escolar a través de técnicas de reforzo positivo e mellora da autoestima dos e das menores.
O argumento da obra fálanos dunha nena que, farta de ser o centro das mofas dos seus compañeiros e compañeiras,  foxe da escola coa intención de non volver nunca máis. Na súa aventura toparase co Xeadeiro, un ser máxico e vital, que a base de contos, adiviñas, xogos e cancións, devolveralle a confianza nela mesma.

Redrum Teatro é unha compañía creada no 2009 por mozos e mozas procedentes do sector audiovisual que nace coa clara intención de ofrecer alternativas creativas que axuden ao desenvolvemento da industria teatral galega.

Apostan por conxugar grandes valores da escena galega con novos creadores, cunha visión innovadora e arriscada. Entre as máximas da compañía está a posta en escena de espectáculos de creación propia, pensados para un público actual, primando a claridade na narración e un coidado deseño artístico.

A obra deste domingo “A nena que quería navegar”, está cualificada para todos os públicos e terá lugar no Auditorio de Goián ás 18.00 horas. As entradas, cun custe de so 3 euros para as persoas adultas e gratuitas para nenos e nenas, poderán adquirirse na taquilla do auditorio dende unha hora antes do comezo da función.
PÓDESE VISIONAR O TRAILER DA OBRA, NA SEGUINTE LIGAZÓN: https://vimeo.com/190733658


X