24 Xuñ 2017 A Xunta garante o seu apoio para que Tomiño e Cerveira sexan Eurocidade O anuncio fíxoo o director xeral de Relacións Exteriores, durante a presentación das valedoras transfronteirizas

Tomiño e Vila Nova de Cerveira reúnen todas as condicións e requisitos para converterse na segunda Eurocidade do Baixo Miño, xunto a Tui e Valença do Minho.

Así o asegurou este mediodía o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, durante o acto de presentación das valedoras transfronteirizas (figuras pioneiras en Galicia e Portugal) de ambos concellos e das normas do Orzamento Participativo Transfronteirizo (OPT) 2018.

En representación do Goberno Galego, Gamallo salientou os antecedentes de cooperación entre as dúas vilas miñotas, que se remontan a moitas décadas atrás, cando aínda non se falaba nas institucións políticas do concepto de “cooperación transfronteiriza”. Segundo o director xeral, outros requisitos para ser Eurocidade, coma a vontade de cooperar, a proximidade xeográfica, a identificación cultural ou social, e o programa europeo POCTEP (Interreg España Portugal) tamén se dan no caso de Tomiño e Cerveira, que veñen desenvolvendo unha axenda estratéxica cada vez máis ampla, e dentro da cal existe, inclusive, un orzamento para proxectos comúns.

“Dende a Xunta estamos a por en valor o potencial das Eurocidades, xa que estamos convencidos de que son fundamentais para impulsar a cooperación e dinamizar a economía, ao aproveitar os recursos comúns”, asegurou Gamallo.

Pola súa banda, os alcaldes de Cerveira e Tomiño, coincidiron en salientar a importancia dos proxectos de colaboración que se están levando a cabo conxuntamente, facendo fincapé no OPT, unha ferramenta pioneira na Península, igual que a figura dos valedores/as transfronteirizos/as, que foron presentados durante o acto. Trátase, neste caso, de dúas mulleres: María de Lourdes Cunha (por Vila Nova de Cerveira) e Zara Pousa Arbones (por Tomiño). Ambas teñen un importante currículo e están capacitadas para desempeñar esta novidosa figura, cuxa función será a de “garantir a defensa e a consecución dos dereitos e intereses dos residentes de ambas as vila, coma cidadáns europeos, perante os órganos e servizos municipais dos concellos”, pero tamén ante outras administracións, coma o Estado, que as veces son insensibles ás problemáticas das zonas fronteirizas.

Ambas valedoras reuniranse todos os meses e atenderán xuntas os primeiros mércores de cada mes, en Tomiño, e o terceiro mércores de cada mes, en Cerveira. Será necesario pedir cita previa nos propios concellos.

No que respecta ás normas que rexerán o proceso de participación cidadá na elaboración do OPT 2018, a principal novidade é que xa non haberá grupos de traballo, coma no primeiro ano, senón que serán as propias entidades dun e outro lado, as que se poñan de acordo e traballen para presentar proxectos comúns nas área de Educación e Cultura; Deportes e Lecer e Territorio e Ambiente.

As encargadas de presentar o proceso foron as concelleiras Aurora Viaes (Cerveira) e Cristina Martínez (Tomiño), dando a coñecer tamén o cronograma, que comezará o 15 do mes de xullo e rematará o 4 de decembro.



X