As comparsas de Tomiño, estrelas nos desfiles de entroido de Galicia e Portugal Estrelas da Noite, Luces e Ciklón coparon os premios ás mellores carrozas en Santiago de Compostela

Éxito rotundo das comparsas de Tomiño nos distintos desfiles de entroido celebrados por todas as vilas galegas. Estrelas da Noite, Luces e Ciklón conseguiron entre todas unha ducia de premios tras o seu paso polos desfiles de Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, O Rosal, Tui e mesmo a localidade portuguesa de Caminha. A gran sorpresa dérona na capital galega, en Santiago, onde as tres comparsas tomiñesas  encheron o podio na categoría de mellor carroza ao quedar Cicklón en primeira posición, Estrelas da Noite en segunda e Luces en terceira. Tamén moi destacado no entroido o papel doutra comparsa tomiñesa, Revolution Show, con accésit en Vigo e premio en Caminha.

Ciklón volveu de Santiago co terceiro premio á mellor comparsa. Nestes días de desfile conseguiu tamén o primeiro premio pola súa carroza en forma de pavo real en O Rosal, mentres que de A Coruña volveron dos dous premios debaixo do brazo: o primeiro premio na categoría de carrozas e o segundo na de vestiario e coreografía, o equivalente a comparsa. Cuartos tamén no desfile camiñés, todos estes galardóns “son máis alicientes para seguir traballando xa pensando no entroido do ano que vén, aínda que o traballo forte comeza en setembro”, ao que xa lle empezaron a dar voltas, como asegura Fernando Domínguez.

Pola súa banda, Estrelas da Noite leva colleitado xa catro premios este entroido. Ademais do segundo posto na categoría de carrozas de Santiago, a comparsa tomiñesa conseguía na capital galega tamén o primeiro premio na de comparsas. Primeiro galardón para ela tamén na categoría de disfrace no entroido de Pontevedra e primeiro premio no desfile nocturno de Caminha polas súas vistosas caixas de música con xoias.  “Para nós é un recoñecemento a tanta dedicación, xa que así como termina un entroido xa comezamos a pensar no seguinte”, explica Fátima Oroña, de Estrelas da Noite, que levan traballando na carroza e nos traxes dende o mes de setembro.

En canto á comparsa Luces, ademais do terceiro posto acadado en Santiago conseguiron un histórico terceiro premio no desfile de entroido de Tui na categoría de carrozas e un segundo premio en O Rosal, tamén pola súa carroza, unha gran ruleta de xogo.

Para todas e todos os integrantes destas asociacións o entroido aínda non rematou, xa que esta fin de semana acudirán tanto como concursantes como como comparsa invitada. Noia, Padrón, Celanova, Carballiño ou Vilanova de Arousa son algunhas das citas pendentes para esta fin de semana.

Dende o concello de Tomiño quérese felicitar a todas e todos os integrantes destas comparsas, como aos do resto de comparsas da vila, por todos os éxitos colleitados ao longo desta semana. Todos estes premios son sen dúbida o mellor recoñecemento a todos os meses de traballo e sacrificio dedicados a deseñar e construír tanto as vistosas carrozas como os traxes empregados por todos e todas, que conseguen sorprender cada ano a todo o público asistente.



X