CaixaBank achega o seu gran de area para acción social no concello de Tomiño Ambas as dúas entidades asinaron este mércores un convenio a través do que se destinarán 1.000 euros para emerxencias sociais

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e o director da Área de Negocio Pontevedra Sur de CaixaBank, Igor de las Heras, asinaron este mércores un convenio de colaboración a través do que a entidade achegará a través da Obra Social ‘la Caixa’ 1.000 euros para investir en acción social no municipio. Este diñeiro irá dirixido a colaborar co departamento de Servicios Sociais, que nestes intres está concedendo preto de 200 axudas de emerxencia en toda a localidade. “Dende o concello queremos felicitar a CaixaBank por esa responsabilidade social que ten, que demostra que non só é unha empresa pensada para ter beneficios, senón que tamén inviste en accións como esta. Ese compromiso social é de agradecer”, salientou a alcaldesa.

A sinatura tamén contou coa presenza da concelleira de Servizos Sociais, Ana Cristina Martínez; co director da sucursal de CaixaBank en Tomiño, José Antonio González; e coa súa subdirectora, Raquel Fernández. “As sucursais son o mellor método para detectar as necesidades do día a día nos concellos. E buscamos contactar coas entidades da contorna para poder xestionar a nosa colaboración”, asegurou o director da sucursal tomiñesa.

CaixaBank xa ten colaborado con outras entidades da comarca, como SOS Tomiño, Vontade ou o Banco de tapóns do Baixo Miño e a sinatura do convenio co concello supón “o primeiro paso para seguir traballando xuntos. O concello serviranos de antena para detectar as necesidades que haxa no municipio e para intentar axudar a solucionalas”.

A Obra Social ‘la Caixa’ ten previsto investir en Galicia ao longo de 2018 preto de 10 millóns de euros en materia social, educativa e cultural. Entre os proxectos prioritarios da entidade está CaixaProinfancia, centrado na loita contra a pobreza infantil e que en 2017 atendeu a preto de 300 rapaces e rapazas, ou o programa Incorpora para o fomento da contratación de colectivos con dificultades para encontrar emprego.