21 Mai 2014 Catro “teixugos” na final da terceira competición da Copa de España de Slálom

Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño rematou sexto, sendo o mellor clasificado dos clubs galegos

A fin de semana celebrouse na localidade francesa de Orthez a terceira e última competición da Copa de España de slálom. O club Deportivo Miño-Teixugos acudiu a esta cita con sete piragüistas, tres dos cales participaron en kaiak e canoa.

Durante a mañá do sábado, realizouse a fase de clasificación, entrando en semifinais catro dos nosos deportistas, Andrea González, do Rosal; Sara Vázquez, de Monforte de Lemos, e os tomiñeses Brais Castro e Manuel Ochoa.

A primeira hora do domingo, celebráronse semifinais e finais. Os catro teixugos entraron en finais. Aínda que a xornada non rematou en medalla para ningún deles, tiveron unha actuación moi destacada. O mellor clasificado foi Manuel Ochoa que rozou o bronce co seu cuarto posto en k1 home cadete; na mesma categoría, Brais Castro rematou sexto, e tamén participou en canoa acadando o sétimo lugar. En k1 muller xuvenil, Sara Vázquez foi sexta e Andrea González, oitava.

Na clasificación final por equipos o Club Deportivo Miño rematou sexto, sendo o mellor clasificado dos clubs galegos.

A última competición da IX Liga Española será o 26 e 27 de xullo na canle olímpica da Seu d´Ugell onde se celebrará o Campeonato de España de Slálom Olímpico.

Información achegada por Rosa Fernández Carrera.

A concelleira de Deportes, Cristina Martínez, fai chegar a súa felicitación a cada un dos deportistas tomiñeses destacados, animándoos a seguir traballando para acadar máis éxitos.



X