Contacontos, obradoiros, teatro e música para encher de diversión o Nadal de Tomiño Para participar nalgunha das actividades é necesario que tanto nenos e nenas como maiores se inscriban a través da páxina web do concello

Tomiño gozará dun Nadal cheo de diversión pensada en especial para o disfrute de nenos e nenas pero tamén con ofertas de lecer para toda a familia. Coas festas á volta da esquina, o pistoletazo de saída da programación chegará da man da Agrupación Musical de Goián, que ofrecerá un Concerto de Nadal o vindeiro domingo 17 de decembro ás 18.00 horas no Auditorio de Goián. Como ven sendo habitual, na entrada haberá que entregar un quilo de alimentos que serán doados a SOS Tomiño.

Xa cos pequenos e pequenas da vila de vacacións escolares, o programa continuará a semana do 26 ao 30 de decembro cunha serie de contacontos para os nenos e nenas e obradoiros para todas as idades no Mercado de Tomiño. Así, para nenos de 4 a 10 anos, na praza de abastos da Praza do Seixo haberá a partir das 17.00 horas contacontos e obradoiros que se centrarán no ‘Reno Renato e outros contiños’ o día 26, en ‘O homiño de mazapán e outras historias para merendar’ o día 27 e no ‘Tren de Martiño e outros contos no camiño’ o día 28.

O día 29 de decembro o Mercado de Tomiño acollerá durante toda a xornada talleres para todas as idades. Así, pola mañá, ás 11.00 horas haberá un obradoiro sobre xoguetes e consumo responsable para rapaces e rapazas de 8 a 12 anos e ás 12.00 horas os nenos e nenas de 3 a 7 anos traballarán a igualdade a través da publicidade. Xa na quenda de tarde, os mozos e mozas de 13 a 17 anos profundarán sobre o consumo na rede (18.00 horas) e os maiores aprenderán sobre alimentación e interpretación de etiquetado a partir das 19.00 horas.

O Apalpador chegará ao Mercado de Tomiño o vindeiro 30 de decembro ás 12.00 horas.  E, pola tarde (17.00 horas), o Mago de Oz encherá de maxia o auditorio de Goián co seu musical infantil. A este espectáculo os nenos e nenas poderán asistir de balde, mentres que os adultos terán que pagar unha entrada de 3 euros.

A Praza do Seixo encherase de maxia e cor os días 2, 3 e 4 de xaneiro coa colocación de inchables para o disfrute dos máis pequenos e pequenas da casa e cos obradoiros que se celebrarán de 16.00 a 20.00 horas.

A Cabalgata de Rei será o venres 5 con saída dende o Campo do Alivio ás 16.30 horas e o seu tradicional percorrido ata a Praza do Seixo, onde os nenos e nenas de Tomiño serán recibidos polas súas Maxestades os Reis Magos e onde haberá sorteo de varios agasallos.

Para participar nos contacontos e nos obradoiros de Nadal os interesados terán que inscribirse no departamento de Cultura ou a través da páxina web do Concello de Tomiño nos seguintes enlaces para nenos e nenas e para maiores.