Dúas estudantes de Tomiño participan nas xornadas sobre as cidades amigas da infancia celebradas en Santiago A alcaldesa acompañou ás alumnas que participaron nunha mesa redonda sobre “A voz da infancia e da adolescencia nos gobernos locais”

As alumnas reuníronse co concelleiro de Política Social para manifestarlle a necesidade de sentirse escoitadas coma colectivo

Dúas estudantes de Secundaria de Tomiño participaron en Santiago de Compostela, nas II Xornadas Formativas Programa Cidades Amigas da Infancia en Galicia”, organizadas por UNICEF Comité Galicia, en colaboración coa Fegamp e a Consellería de Política Social, e nas que se afondou  no Programa Cidades Amigas da infancia, a través dos seus obxectivos, traxectorias e liñas de traballo. Así mesmo, compartíronse experiencias de participación infantil e adolescentes impulsadas por concellos galegos.

Acompañadas pola alcaldesa, Sandra González, as alumnas Marta Tiago e Xulia Oliveira, do IES Alonso Ríos, e integrantes do Consello Local de Infancia e Adolescencia “Voces novas” de Tomiño, participaron na mesa redonda “A voz da infancia nos gobernos locais”, na que tamén houbo representantes dos concellos de Castrelo de Miño, Ourense e Teo.

As estudantes tiveron tempo tamén para reunirse co conselleiro de Política Social, José Manuel Varela Rey, co fin de manifestarlle a necesidade de sentirse escoitadas coma colectivo, e de que se establezan os mecanismos para que esa necesidade, teña unha resposta efectiva por parte da Xunta de Galicia. “Nós non nos sentimos escoitados, necesitamos que se mellore o transporte público en Tomiño” comentou Xulia Oliveira, 16 años, ante as autoridades presentes.

Estas xornadas gardan relación coa solicitude presentada polo Concello de Tomiño, para ser recoñecido coma Cidade Amiga da Infancia; converténdose, de conseguilo, (no mes de outubro coñecerase o resultado) na primeira vila de Pontevedra con esta distinción.

Baixo o título “Estratexias e novas metodoloxías para promover a Participación Infantil e Adolescente no ámbito municipal”, as xornadas organizadas por Unicef serviron para difundir o programa entre políticos e técnicos municipais, de xeito que coñezan os seus obxectivos, traxectoria e liñas de traballo.

“Agardamos que, a través da celebración destas xornadas, podamos transmitir a convicción de que é necesario mellorar o benestar da infancia mediante a promoción e implantación de políticas municipais eficaces, que teñan en conta as achegas dos nenos e adolescentes, para que estas garantan o seu desenvolvemento integral, baixo un enfoque de dereitos”, sinalou Myriam Garabito Cociña, presidenta de UNICEF Comité Galicia, na apertura do evento, na que tamén participaron Mª Amparo González Méndez, directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia e Manuel Mirás Franqueira, vicepresidente executivo da FEGAMP.

 

FOTO:

De esquerda a dereita: Xulia Oliveira Misa (representante de Voces Novas de Tomiño), Myriam Garabito Cociña (presidenta de Unicef Comité Galicia), María Amparo González Méndez
(directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica), Manuel Rey Varela (conselleiro de Política Social) e Marta Tiago Calzado (representante de Voces Novas de Tomiño).