Inaugurado o treito Goián-A Guarda da VAP Tui-A Guarda, que entrará en servizo mañá, sábado 12, ás 21 horas

Quedan pendentes dous tramos máis para completar o traxecto ata Tui

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu hoxe o acto de posta en servizo do treito que une Tomiño (enlace de Goián) e A Guarda, da vía de altas prestacións Tui-A Guarda.

No acto de inauguración, acompañaron ao mandatario galego a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e os alcaldes de Tui, O Rosal, A Guarda e Oia, así coma coma outras autoridades autonómicas, provinciais, rexionais e locais.

Asemade, concentrouse un centenar de persoas de colectivos afectados polas Preferentes e Emigrantes Xubilados, que non puideron acceder ao acto de inauguración, ao serlles prohibida a entrada.

A infraestrutura, de 10 km. de lonxitude dará servizo a 30.500 habitantes dos concellos de Tomiño, O Rosal, A Guarda e Tui; contribuíndo a mellorar a seguridade viaria ao evitar o paso por máis de 6 quilómetros de travesías (coa conseguinte mellora da seguridade na PO-552) e permitirá reducir os tempos de traxecto á metade, pasando de 14 a 7 minutos.

O tramo da nova autovía que se pon en servizo, entre Goián e A Guarda, contou cun investimento de preto de 60 millóns de euros, e incidirá tamén na mellora da accesibilidade e a mobilidade, beneficiando aos veciños e as empresas da zona, posibilitando novas oportunidades económicas, comerciais e de emprego.

O mandantario galego cualificou a actuación de “estratéxica” para a comarca do Baixo Miño, xa que incide na vertebración do territorio e incidirá na mellora da conectividade entre Galicia e Portugal, porque o tramo que se pon en servizo comeza na estrada de acceso á Ponte Internacional de Goiá-Vila Nova de Cerveira.

Quedan pendentes dous tramos máis para completar o proxecto da VAP Tui-A Guarda. Segundo explicou o alcalde do Rosal, Jesús Fernández Portela, un deles está en obras e o outro aínda non.

[justified_image_grid]