04 Nov 2017 Mofa & Befa chegan a Tomiño con “Cránios privilexiados” O espectáculo foi estreado o pasado mes de outubro no Festival Internacional de Teatro en Ourense

O Concello de Tomiño continúa este sábado 4 de novembro ás 22.00h coa súa programación “Outono Cultural”. Nesta ocasión é o turno do espectáculo “Cránios privilexiados” de Mofa & Befa, que foi estreado no FITO – Festival Internacional de Teatro de Ourense – e que xa percorreu algunhas localidades galegas, con grande acollida do público.

O obra explora os diferentes xeitos de pensar, e de como o xeito de pensar comunmente aceptado como “correcto” non ten por que albergar necesariamente a verdade. Unha chamada á visión crítica do ser humano, combinando con maxestuosidade a filosofía, a comedia e a crítica social.

Dende a Concellería de Cultura do Concello de Tomiño destacan a calidade da obra, e o esforzo que o Concello de Tomiño fai por facer accesible a oferta cultural ás persoas que habitan zonas rurais como Tomiño que, de non ser grazas a programas municipais como o “Outono Cultural”, terían que desprazarse a grandes cidades para ter acceso a espectáculos como este. Sinalan ademáis que o sábado é unha oportunidade de gozar de teatro de calidade a un prezo asequible, nunha obra na que as entradas chegaron a máis de 16 euros en varias localidades galegas, e que en Tomiño serán de 3€.

O programa “Outono Cultural” continuará o vindeiro sábado 18 de novembro cun concerto a cargo da Agrupación Musical de Goián con motivo da celebración da festividade de Santa Cecilia, patrona da música.



X