08 Mai A primavera continúa no Mercado de Tomiño cun obradoiro de conservas Amparo Grandío, de Petiscos, impartirá este taller o vindeiro mércores 15 de maio de 10.30 a 13.30 horas
Abertas as inscricións na web do mercado
O Mercado de Tomiño continúa vivindo a primavera compartindo experiencias e coñecemento. A vindeira semana acolle a celebración do segundo taller da programación trimestral posta en marcha pola Asociación de Praceiros e Praceiras do Mercado de Tomiño en colaboración co Concello para achegar a praza de abastos e os seus postos ao público dun xeito diferente e dinámico.
No camiño pola posta en valor dos produtos locais e de calidade, o vindeiro mércores 15 de maio, o público porase mans á masa co obradoiro de conservas impartido por Amparo Grandío, de Petiscos. Un taller aberto a todos os públicos no que as e os participantes aprenderán a facer conserva vexetal artesanal doce ou salgada cos produtos de tempada dun xeito ameno e entretido.
O taller terá un total de catro horas de duración e impartirase de 10.30 a 13.30 horas, cun pequeno descanso de 15 minutos polo medio. O obradoiro terá un custe de 10 euros por persoa e todas aquelas interesadas en participar poden xa inscribirse a través do formulario habilitado na web do Mercado.