14 Xuñ 2017 Novas axudas as traídas de auga O Concello habilita unha partida de 50.000 euros para contribuir a súa mellora

A pasada semana remataron as visitas efectuadas a 34 Comunidades de Usuarios ou traídas de augas, do Concello de Tomiño, practicamente a totalidade das existentes no municipio. As visitas foron realizadas pola concelleira de Medio Ambiente, Mª Xosé Vázquez e o concelleiro de Obras, Francisco Campo,  co fin de coñecer de primeira man, a través de conversas coas directivas e a observación directa, a situación e necesidades de cada instalación.

O Concello de Tomiño ten habilitada unha partida de aproximadamente 50.000 euros, que se manterá durante varios anos e que será investida en melloras relacionadas coas fases iniciais do proceso de provisión de auga de consumo, fundamentalmente a mellora das captacións e dos depósitos. “O obxectivo do Concello é apoiar a estes sistemas de xestión colectiva tradicionais para que poidan cumprir a normativa vixente en materia de auga de consumo. O cumprimento da normativa é preciso tanto para garantir unha adecuada calidade do servizo, como para a renovación das concesións ante parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e así garantir a supervivencia destes sistemas tradicionais e colectivos de xestión”, explica Mª Xosé Vázquez.

Tras as visitas, é tempo agora de estudar a mellor distribución posible dos recursos económicos co fin de contribuír a solventar os problemas que poidan ter as traídas, priorizando sempre a calidade da auga e a súa potabilización.

O concello de Tomiño está comprometido coa mellora das traídas veciñais, porque comprende que son un xeito de xestionar un servizo básico de xeito comunitario, que funciona de eficazmente nas distintas parroquias e no disperso rural galego. Entende que houbo un momento no que as administracións públicas non deron un servizo básico e que tiveron que ser os propios veciños organizados, os que levaran adiante esta tarefa.

Segundo o concelleiro Fran Campo, “agora que o máis difícil está feito o que compete ás distintas administracións é axudar no bo funcionamento das traídas, resolvendo problemas legais e colaborando económicamente na medida das posibilidades de cada un.”

O equipo de goberno de Tomiño apoia as reivindicacións das traídas e rexeita os atrancos que se están a poñer para a renovación dalgunhas destas traídas, por parte de Confederación Hidrográfica. Segundo apunta a alcaldesa de Tomiño, Sandra Gonzalez, “agardamos que se rectifique o regulamento e que se teña en conta este xeito diferente de dar auga en Galicia, que solventa o problema da dispersión no rural galego e consigue que veciños e veciñas teñan un servizo de calidade a un prezo asequible”.



X