O cineclub Poleiro proxecta este xoves o filme ‘El viajante’, do director iraní Asghar Farhadi A película, gañadora dun Oscar ao Mellor filme en fala non inglesa, poderá verse este 11 de xaneiro ás 21.30 horas no Auditorio de Goián

O cineclub Poleiro estrea o 2018 cunha nova proxección. O vindeiro xoves 11 de xaneiro, todos os veciños e veciñas poderán ver no Auditorio de Goián ás 21.30 horas a película ‘El viajante’, con guión e dirección do iraní Asghar Farhadi, considerado como o cineasta máis importante de Irán e artífice dun cambio na visión mundial sobre o cine deste país.

Nesta ocasión, o cineclub Poleiro faise eco desta coprodución franco-iraní gañadora dun Oscar á Mellor película de fala non inglesa que presenta un drama psicolóxico no que os celos, á humillación, a vinganza e a estabilidade matrimonial comparten protagonismo.

‘El viajante’ presenta un espazo narrativo no que se desencadean unha serie de encrucilladas éticas que invitan a unha seria reflexión moral. A película arranca cos dous protagonistas, Emad e Rana, mudando de piso polo perigo de derrumbe do edificio no que viven de aluguer. O que non saben é que un incidente relacionado coa inquilina anterior cambiará drasticamente a vida da parella.

Con esta proxección o cineclub pecha a súa programación de outono, coa que ofreceron aos veciños e veciñas do municipio tomiñés catro filmes de calidade. O cineclub Poleiro conta co apoio da concellería de Cultura do concello de Tomiño e da Federación de Cineclubes de Galicia.



X