30 Mai 2014 O colexio de Barrantes celebrou a “III Xuntanza Cooperarte” xunto a outros dous centros da provincia

Artistas da zona, coma Xuxo Vázquez, Carlos Fernández, Mario Rodríguez e Cuqui Piñeiro, acompañaron aos nenos na mañá de hoxe

O colexio de Barrantes celebrou esta mañá a III Xuntanza Cooperarte, na que xunto con artistas de Tomiño e Pontevedra participaron na creación de dúas obras de arte pública entre os centros participantes.

O Ceip de Barrantes participa dende hai tres anos neste proxecto intercentros cos colexios de educación especial Príncipe Felipe, de Pontevedra e Juan María, de Nigrán.

Máis de 300 escolares dos tres centros pintaron sobre madeira coa axuda de artistas locais de renome, nas inmediacións do Centro de Saúde.

Os máis pequenos participaron pintando o mural da vida deseñado por Miguel Santamaría, Cuqui Piñeiro, Mario Rodríguez e Sonia Maestu. Os maiores ( 4º,5º,6º e neno@s de Juan María) deixáronse levar polas esculturas realizadas en madeira por Xuxo Vázquez, Nando Álvarez, Liliya Pobornikova e Carlos Fernández, aportando cor e beleza artística ás mesmas.

Varios dos artistas participantes e unha representación do goberno local, presidida pola alcaldesa de Tomiño, Sandra González e a concelleira de Cultura, Cristina Martínez, acompañaron aos estudantes nesta aventura artística de integración e aprendizaxe.

A directora do colexio de Barrantes, Begoña Martínez, agradeceu a colaboración de toda a comunidade educativa, e de forma especial, o interese e apoio amosado polo Concello e os artistas locais, para que o proxecto fora posible.

A alcaldesa, pola súa banda, agradeceu á comunidade educativa do centro e aos artistas da zona polo seu traballo, e adiantou o apoio incondicional do Concello para “unha educación pública de calidade, coma esta”.

A coordinadora do proxecto, María Lemos, asegurou que a colaboración que amosaron os artistas foi excepcional. “Isto non sería posible sen a súa disposición a transmitir, e dende a escola, entendemos que poñer en valor a arte, como calquera outra disciplina, pasa por coñecer, transmitir, dignificar o traballo realizado e fomentar o valor do respecto para chegar a súa interiorización”, comentou.

En representación do colectivo de artistas tomiñeses, falou Xuxo Vázquez, quen asegurou estar encantado co proxecto, e ofreceu a súa colaboración e a dos seus colegas para iniciativas futuras.

A xornada contou tamén con xogos populares e un concerto de música tradicional a cargo de Xurxo Antúnez, quen tocou a zanfona, a gaita e outros instrumentos do país.

[justified_image_grid]



X