O Concello acondiciona o núcleo do Seixo co fin de dinamizar o comercio local

SEIXO ANTES-DESPOIS

A obra significará o acondicionamento de 4.600 metros cadrados, cunha nova zona arborada que ocupará o 40 % da superficie

DSC_0044 (Copy) DSC_0041 (Copy)

O Concello de Tomiño vén de iniciar as obras de remodelación e acondicionamento do centro do casco urbano, dentro da estratexia global de rexeneración do núcleo do Seixo, que vén desenvolvendo nos últimos anos co obxectivo de reorganizar o tráfico e revitalizar o comercio local, creando ao mesmo tempo, un espazo público de calidade que centralice a actividade social e comercial da vila.

As obras abarcarán unha área de 4.600 metros cadrados, na que se realizará acondicionamento, pavimentación e mellora das redes de alumeado, abastecemento e saneamento. Ademais, da superficie total, máis dun 40% adicarase á creación dunha zona arborada, con especies que se determinarán cos viveiristas do municipio. Ampliarase a zona pavimentada da actual praza, desaparecendo a actual rotonda. Deste xeito, o tráfico dirixirase so nun sentido a través das rúas A Guarda e Colón, en dirección á rúa principal (rúa Gondomar).

DSC_0034 (Copy) DSC_0027 (Copy)

DSC_0014 (Copy) DSC_0011 (Copy)

A obra “Acondicionamento da contorna da Praza do Seixo”, foi adxudicada por 596.743,75 euros (IVE incluído), que se sufragarán con cargo a unha subvención da Deputación de Pontevedra, de case 300.000 euros, achegando o resto o propio Concello.

As principais accións contempladas no proxecto consistirán en “completar o pavimento granítico existente, que dará soporte ás actividades de rúa; reordenar un novo parque ao oeste da intervención, con áreas verdes arboradas e zonas de estancia. Asemade, suprimiranse as luminarias actuais e instalaranse outras de maior eficiencia enerxética; mellorarase a accesibilidade ao edificio do Concello e crearase unha pérgola sombreadora para os actos públicos.

O resultado final será, segundo sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “unha intervención que pretende ademais de renovar os pavimentos e a contorna dos locais da zona, potenciar o comercio local, xerando deste modo novas posibilidades de negocio e mellorando a calidade ambiental da Praza do Seixo”.

DSC_0010 (Copy) DSC_0007 (Copy)
PRECISIÓNS DO CONCELLEIRO DE URBANISMO SOBRE A POSTURA DO PP DE TOMIÑO RESPECTO Á OBRA
O concelleiro de Urbanismo e portavoz municipal do BNG, Uxío Benitez, manifestou a súa sorpresa ante a recollida de firmas levada a cabo polo PP de Tomiño en contra do acondicionamento da Praza do Seixo, agora que as obras están en marcha, e logo de que se abstivera no pleno do 8 de maio pasado, na votación do punto no que se aprobou o proxecto (o proxecto aprobouse por 11 votos a favor, 4 abstencións e só 1 voto en contra, absténdose o PP).
Asemade, explica Benítez que o PP tomiñés non presentou ningunha alegación ás obras durante o período de exposición pública, e que o proxecto foi revisado e aprobado polos servizos técnicos da Deputación Provincial, acordándose en comisión de goberno de 18 de xullo, presidida por Rafael Louzán, outorgar unha subvención de 295000€, que representa practicamente a metade do orzamento total.
Por outra banda, nos meses de abril e maio, o proxecto foi presentado a ADETO (Asociación de Comerciantes de Tomiño), aos grupos políticos municipais e ás asociacións e colectivos da parroquia de Tomiño, con máis de 50 asistentes, sen que ninguén se manifestara en contra.