O Concello de Tomiño está a levar a cabo unha obra de ensanche e mellora do firme en Barrantes Trátase dunha demanda histórica da zona que se fixo imprescindible tras a apertura do novo cemiterio

O Concello de Tomiño está a levar a cabo unha serie de obras de ensanche e de mellora do firme en Barrantes, para acondicionar a estrada que sube ao novo cemiterio como a rotonda previa, mellorando tanto as condicións de accesibilidade e circulación para os peóns e os coches que transitan pola zona como para os autobuses que queiran acceder ata o cemiterio.

O concello tomiñés está a realizar estes traballos de ensanche e asfaltado nunha estrada na que non se acometera ningunha mellora nos últimos 30 anos. Veciñas e veciños de Barrantes, Cristelos, Pinzás e Vilachán do Monte xa solicitaron en varias ocasións a través do programa ‘O Concello Escoita’ que se levaran a cabo obras de mellora na zona por ter  moita afluencia de coches e por ser un dos eixos que une a saída a estas parroquias e barrios.

Cun orzamento de 100.000 euros, as obras acometidas irán dende o cruce de San Miguel ata a baixada da Sardiñeira, arredores do cemiterio novo de Barrantes. Nalgúns dos tramos mellorados a Comunidade de Montes de Barrantes accedeu á corta de varios árbores situados moi próximos á estrada que estaban provocando o levantamento do firme coas raíces.

Estes traballos de ensanchado e asfaltado completaranse cunha segunda fase, aínda pendente de licitación, que inclúe a mellora do firme e a creación dunha senda dende a rotonda de A Pedra ata o barrio de Pazos.

Tratábase dunha demanda histórica da zona na que o concelleiro da parroquia, Manuel Álvarez, fixo moito fincapé para sacar adiante todos os proxectos de mellora. O novo cemiterio de Barrantes é unha obra feita pola Comunidade de Montes e de recente creación. Por este motivo, o Concello quere colaborar no acondicionamento da zona e a adecuación dunha infraestrutura que da servizo a todos os veciños e veciñas.



X