O Concello de Tomiño investirá de inmediato 700.000 euros no saneamento das parroquias

No último ano e medio xa se levan investidos 330.000 euros en saneamento de barrios e parroquias de Tomiño
A Praza do Seixo tamén será remodelada

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, manifestou hoxe, diante dalgunhas informacións aparecidas nos medios, que “o Concello de Tomiño investirá de inmediato 221.000 euros no saneamento do barrio de Bravos, na parroquia de Estás, tan só pendente da licitación que debe facer a Deputación Provincial”.
Asemade, a cantidade de 240.000 euros procedentes do Plan Urxente de Mantemento de Servizos e Infraestruturas Municipais 2014 (PUSIM 14), van investirse tamén integramente en obras de saneamento.
E, en breve, vaise iniciar o Plan de Saneamento Municipal, que tamén dispón dunha dotación económica doutros 240.000 euros.
A rexedora de Tomiño indicou que “no último ano e medio, o Concello de Tomiño, atendeu as necesidades dos veciños e veciñas dos seus barrios e parroquias, no relativo ao saneamento, executando obras como a rede de saneamento nos núcleos de Salgosa, Gándara, Vilar e Vilachán, por importe de 330.000 euros, procedentes do plan provincial de obras e servizos, que o Concello acordou destinar integramente a obras de saneamento”.
“As obras feitas e as que de inmediato se van realizar supoñen un investimento de máis de 1 millón de euros para atender o saneamento dos barrios e parroquias de Tomiño”, sinalou a alcaldesa.
A Praza do Seixo vai ser remodelada
Sandra González manifestou, ademais, que “a Praza do Seixo vai ser remodelada grazas a unha achega do 30% que destina o Concello de Tomiño ao plan provincial de obras e servizos da Deputación, que pon o resto. Trátase dunha importante obra de humanización que contribúe a conseguir espazos de convivencia e ocio para nenos, nenas e persoas maiores”.